Amosando publicacións coa etiqueta Formación de usuarios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Formación de usuarios. Amosar todas as publicacións

mércores, 4 de decembro de 2024

PANTALLAS AMIGAS - A VIOLENCIA DE XÉNERO NO ENTORNO DIXITAL

Hai uns días tivemos a gran oportunidade de contar entre nós coa presenza da Asociación Pantallas Amigas.

Coma en anteriores anos, trátase dunha colaboración dos servizos municipais de información á muller (CIM) que persigue sensibilizar ao alumnado na loita contra a Violencia de Xénero.

Levabamos bastante tempo moi interesados en poder desenvolver este obradoiro co alumnado de 5º e 6º curso que tan próximos están ao paso ao instituto e que comezan a ter os seus dispositivos móbiles.

Non hai mellor prevención que a educación e a sensibilización, nesta ocasión unida a unha mellora das competencias dixitais do alumnado.

domingo, 20 de novembro de 2022

QUE É ALFIN? QUE É AMI?

Unha das funcións máis importantes do Equipo de Biblioteca é a formación dos seus usuarios. E si, o profesorado tamén ten que formarse no emprego de cada un dos seus recursos, espazos e finalidades.

Refundimos un par de presentacións para aportar unhas pinceladas que pretendemos que axuden a aclarar as ideas...

É obvio que certas normas poden variar dun centro a outro, pois as particularidades de cada un traerán distintas necesidades. O innegable é que o equipo debe promover estas entre os distintos usuarios para que todo o traballo no se vaia pola borda.

Nós temos varios sesións de formación do profesorado ao longo do curso, nas reunións de coordinación pedagóxica que facemos de 9:00 a 10:00, antes do comezo das aulas. Ademais, dedicamos unha das liñas do PFPP a temáticas relacionadas coa Biblioteca e a súa Dinamización.

xoves, 7 de xuño de 2018

IMPRIMINDO EN 3D

Hoxe vos traemos un vídeo de exemplo da presentación a distintos grupos de alumnos da impresora 3D, dentro do proxecto Escornabots.

Pensamos que este achegamento á tecnoloxía dende a biblioteca vai abrir un campo importantísimo na escola.

IMPRESORA 3D from Leo de A Lama on Vimeo.

Se a Alfabetización Informacional (ALFIN) e Mediática é unha das nosas principais inquedanzas, incorporamos agora as iniciativas “Maker” e “STEAM” (Science, Technology, Engineering, Arts and Mathematics).

Xa nos contaredes que vos parece, lémonos,
LEO

mércores, 6 de xuño de 2018

OS ESCORNABOTS VIAXARON Á AULA

Unha das iniciativas que quixemos probar este curso foi a de levar os escornabots dende a biblioteca ás aulas.

Preparamos unha caixa cos tableiros e outros recursos.

No seguinte vídeo podedes ver a chegada a 1º e 2º de primaria.

ESCORNABOTS from Leo de A Lama on Vimeo.

Resultou como agardabamos! Lémonos,
LEO

venres, 23 de febreiro de 2018

CLASSDOJO NA BIBLIOTECA!

_DSC5279

A figura do voluntario amósase imprescindible no día a día da nosa biblioteca.

O alumnado de 5º e 6º que se quere comprometer co “Recanto” fórmase para este cometido, poñéndose ao seu servizo.

Axudan a mantela en orde, na procura de documentos a outros usuarios, no empréstito e na devolución, no coidado dos espazos, na animación á lectura, achegamento dos novos recursos como a robótica...

Desenvolven unha función de incalculable valor, xa que sen eles non sería posible facer moitas das cousas das que gozan tódolos usuarios da escola.

Por estes motivos, sempre quixemos premiar o seu esforzo e dende hai tempo apuntabamos a súa asistencia, implicación... para logo ter pequenas recompensas polo seu traballo: ser os primeiros en usar os libros electrónicos, coñecer a escritores e ilustradores, saídas especiais ou pequenos agasallos sorpresa!

Este ano o sistema que empregamos para controlar a súa asistencia é novidoso e está a dar moi bos resultados. Trátase dunha aplicación gratuíta chamada ClassDojo. Nela o alumnado pode compartir experiencias, creamos unha cultura positiva, damos voz aos membros... e mesmo creamos o noso “avatar” personalizado.

_DSC5294

Entre todos definimos que queríamos valorar positivamente: “axudar a outros usuarios”, “asistencia a formación de voluntarios”, “aportar unha gran idea”, “moi boa actitude”, “traballar duro aínda que non toque e traballar en equipo”. Tamén rexistramos cando necesitamos mellorar en algún aspecto como: “hoxe esqueciches o teu compromiso” ou “a túa actitude ten que mellorar”.

Temos outras ferramentas que nos achega ClassDojo ás que lle sacamos moito proveito como: o armador de grupos, temporizador de tarefas, creación de espazos de debate...

_DSC5286_DSC5282

Un recurso moi atractivo e completo no que os nosos alumnos se autoevalúan e motivan nas súas funcións como Voluntarios!

Grazas rapaces polo voso esforzo.

Lémonos,
LEO

xoves, 15 de decembro de 2016

ESCORNABOTS: APRENDENDO O MANEXO

Continuamos coa experiencia dos Escornabots.

ESCORNABOTS NA BIBLIOTECA from CEIP A LAMA on Vimeo.

Explorando as posibilidades de interacción. O voluntariado de 6º de primaria comezou a súa experimentación para poder trasladar logo a información aos usuarios da biblioteca.

mércores, 4 de novembro de 2015

DIA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES II

Continuando coas actividades desenvolvidas no Día das Bibliotecas Escolares, toca o turno de falar das Mochilas Viaxeiras.

_DSC9975 _DSC9980
_DSC9977 _DSC9979

Pola tarde xuntámonos na Biblioteca, porque o novo equipo de voluntarios tiña unha tarefa moi importante: explicar as normas e repartir as Mochilas Viaxeiras deste curso 2015/2016.

_DSC9998

Despois da boa experiencia do ano pasado, volvemos enviar ás casas daqueles que quixeron participar, os e-readers dos que dispoñemos, con lecturas en formato electrónico.

A verdade é que era algo que estaban demandando os nosos pícaros, que non paraban de preguntar cando ían saír as mochilas, e se había libros novos nos lectores.

Agora estou ansioso por poder ver os vosos traballiños nos cadernos de bitácora! Agardo que vos gusten os documentos que escolleron os profes.

Lémonos,
LEO

xoves, 29 de outubro de 2015

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

Ola moz@s!

Xa facía tempo que non vos escribía. A verdade é con este ano con tantos cambios non dabamos sacado tempo para vos contar o que se coce por aquí.

Pero agora si!!! Para conmemorar o Día das Bibliotecas Escolares arrancamos con forza. Velaí vai un vídeo que fixeron os voluntarios deste ano.

QUE É UNHA BIBLIOTECA PARA TI 2015 from CEIP A LAMA on Vimeo.

Un saudiño, lémonos,
LEO

xoves, 27 de novembro de 2014

EXPOSICIÓN DE DOCUMENTOS DO PDI “SEMENTA IDEAS, RECOLLE FUTURO”

_DSC4553Durante a fase de motivación para o desenvolvemento do Proxecto Documental Integrado, a Biblioteca organiza unha serie de actividades entre as que está a creación dun centro de interese que recolla tódolos documentos que atopamos entre os nosos fondos, ou que adquirimos para a ocasión.

Nel podemos atopar libros, películas, documentais, folletos… cuxa temática está directamente relacionada co tema escollido.

Esta exposición vale tamén para que o noso alumnado a visite e identifique, antes de comezar a traballar, as fontes de onde sacará a información.

A decoración que a acompaña tamén se renova e se relaciona coa temática do curso.

Como este ano toca a horta, xa que o proxecto se titula: “Sementa ideas, recolle futuro” e céntrase na agricultura ecolóxica, velaí tendes as nosas hortalizas…

Este centro de interese manterase todo o que resta de curso e se poderán ir incorporando as novas adquisicións, resultado das suxestións que se nos fagan dende o profesorado.

 
_DSC4545 _DSC4541
_DSC4535 _DSC4537

Un dos primeiros grupos en visitar o recanto do PDI foi o de 2º curso de primaria.

_DSC4566 _DSC4560
_DSC4572 _DSC4561

Un saudiño, lémonos,
LEO

martes, 22 de abril de 2014

COMEZAMOS A EXPOÑER… FASE DE PRESENTACIÓN DO APRENDIDO!

Despois dun intenso curso, traballando arreo no noso PDI, chega a última fase: a presentación do aprendido.

_DSC0649

Ao longo da última semana tódolos alumnos e mestres fomos escoitando, observando, experimentando, descubrindo... os diferentes traballos de investigación dos nosos compañeiros; e do mesmo xeito, expoñendo o noso propio.

Hoxe queremos presentarvos unha parte do labor dos máis cativos; os nenos de infantil.

Neste ciclo comezaron a exposición os de 6º de infantil, que entre outras actividades, investigaron a cerca das persoas que teñen a cotío nas súas mans os nosos río e praias: “As mariscadoras e os pescadores”.

Reunidos na nosa biblioteca escoitamos con moita atención todo o que aprenderon con axuda da súa presentación coa que nos agasallaron!

_DSC0655
_DSC0658 _DSC0654

Velaí vos deixamos o seu caderno de recollida da información.

Moi pronto iremos compartindo máis traballos de tódolos cursos!

Lémonos. LEO.

martes, 22 de outubro de 2013

UNHA PRIMEIRA VISITA IMPORTANTE NA NOSA BIBLIOTECA!

Os novos alumnos de infantil que chegan por primeira vez ao cole tamén o fixeron á nosa Biblioteca.

Nesta ocasión Leo recibiunos da man dos nosos voluntarios que estaban ansiosos de volver a traballar e sobre todo cos máis pequenos.

_DSC6605

Prepararon todo o necesario; novos carnés, puntos de lectura, as normas dos recantos e... foron a buscar por sorpresa aos pequerrechos!

 

_DSC6603 _DSC6642

_DSC6614

Os novos usuarios non dubidaron en escoller o conto que querían levar para a casa e mesmo lle pediron aos voluntarios que compartiran con eles a Hora de Ler.

 

_DSC6641 _DSC6622

Xa fomos vendo dende aquel primeiro día que todos estiveron ben atentos e que agora non deixan de virnos visitar!

_DSC6647

E como xa din eles… Lémonos!

LEO

luns, 14 de xaneiro de 2013

OS ANIMAIS SALVAN O PLANETA

Dentro do PDI sobre as Enerxías Sostibles, queremos ofrecer esta serie de anuncios publicitarios titulada “Os Animais Salvan o Planeta”, campaña do grupo ecoloxista “Animal Planet”.

Mensaxes publicitarias educativas sobre ecoloxía

Os encargados de elaborar estes cortos foron os Estudios Aardman, os mesmos que crearon “Wallace and Gromit” e “Chicken Run”.

Andade atentos, pois irán chegando máis entregas, e ofrecen unha información moi interesante en só 30 segundos!!!

Lémonos,

LEO

sábado, 8 de decembro de 2012

O PDI XA ESTÁ EN MARCHA! “AS ENERXÍAS SOSTIBLES”

O Proxecto Documental deste ano xira en torno ás Enerxías Sostibles, e no cole xa estamos inmersos nas distintas fases de desenvolvemento.

Unha das iniciativas que implantamos dende que comezamos esta andaina é a de expoñer nun lugar ben visible da biblioteca tódolos fondos e recursos que adquirimos relacionados co tema a investigar.

_DSC1067

Trátase dun espazo temático no que os nosos cativos teñen acceso directo aos libros, DVDs, revistas, maquetas, xogos… que lles axudarán a convertirse en verdadeiros “expertos”.

Durante o mes de outubro estiveron en exposición, pero agora xa os están a empregar, tanto nas clases como no traballo que fan na biblioteca.

O proceso de adquisición non é sinxelo, pois moitas veces os documentos que atopamos sobre a temática non se adaptan ás idades dos nosos alumnos.

A variedade de soportes e xéneros ten que estar presente, polo que nos podemos atopar cunha narrativa que ten como fío as Enerxías Sostibles, ou un manual, un xogo interactivo para ordenador…

_DSC1066 _DSC1062
_DSC1061 _DSC1065

Este ano mercamos unha maqueta de madeira dunha casa sostible, que conta con tódolos elementos dun fogar comprometido coa natureza: placas solares, separación de lixo, aproveitamento da auga da chuvia, xenerador eólico…

Tamén vimos de incorporar uns xogos científicos que pensamos que axudarán a comprender mellor a transformación das distintas enerxías (solar, eólica…) en electricidade, e outros que axudan a fomentar a reciclaxe, a depurar auga, a reutilizar…

_DSC1051

En outra entrada vos amosaremos unha nova iniciativa, que unida a esta nos axudará a comprender mellor o mundo da sostenibilidade.

Vos adianto que se trata dun recanto para recortes de prensa ao que chamamos “Noticias Sostibles”.

Lémonos,

LEO

xoves, 22 de novembro de 2012

TROBADORES POR UN DÍA!

Non sei se vos lembrades que tempo atrás, por mor do Día das Bibliotecas Escolares, os nosos cativos convertéronse en escritores de poesías. As súas creacións xa van chegando pouco a pouco ao equipo de redacción deste blogue.

Hoxe, os nenos de 6º de Infantil serán os protagonistas, xa que se converteron en trobadores por un día. Tiñan que explicarnos “Que é unha biblioteca para ti?” e... tras a tea estaban eles recitando os seus versos!

_DSC9894

 

Que é unha biblioteca?
e do que imos a falar
así que estade ben atentos
que isto vai comezar!

O meu avó sempre dixo
que a mellor maneira de viaxar é un libro
non precisas dun avión
na biblioteca hai libros a montóns.

Dende un rato detective
ata un superheroe invencible
canto máis leo máis aprendo
e o mundo mellor entendo.

Teatro, contacontos ou exposicións
nunha biblioteca hai moita acción
só teremos que estar caladiños
cos ollos abertos e ben sentadiños.

As películas divertidas podo ver
non me quitan as ganas de ler,
que grande se ve todo
síntome coma se fose un piollo!

Para poder escoitar música
non hai que ir á discoteca
pon os cascos nas orellas
e goza na audioteca!

Os xogos do ordenador
son do mellor
pero só os podemos coller
unha vez ao mes.

Tamén hai un recanto para crear
con pinturas, papeis e moito máis,
anímate e comeza a debuxar
nun gran artista te converterás.

E se as nosas obras queres coñecer
as producións propias podes ver
colgadas en ganchos na parede
están agardando a que as admiredes.

E as mochilas viaxeiras
que grandes compañeiras
pasan connosco
unha semana enteira.

Así podemos gozar
de lecturas en familia con papá e mamá
e cando ao cole deben regresar
o caderno de bitácora poderás amosar.

E se queres estar ao día
ó Recanto de Leo vai de visita
só con prender o ordenador
terás un montón de información.

Buscade, buscade
e a ver que atopades
hai fotos a montóns
adiviñades de quen son?

E non podedes esquecer
que a columna do PDI tes que ver
chea de libros, pelis e ata xogos
nela atopamos respostas para todo.

Este curso toca estudar
enerxías sostibles e como aforrar,
parece un tema complexo
verás ao final canto aprendemos.

Alumnos de 6º de infantil

_DSC9900 _DSC9901

Non vos preocupedes que o temos todo gravado en video… pronto o veredes!

_DSC9905

Lémonos. LEO.

sábado, 13 de outubro de 2012

RECANTO “creARTE!!”

A nosa Biblioteca estrea un novo espazo: o recanto “creARTE!”. Un lugar pensado para que os nosos cativos amosen a súa creatividade.

_DSC9531

“Os habituais” dos recreos xa están a elaborar os seus traballos plásticos e literarios (banda deseñada, poesía, ilustración, relato…).

_DSC9543

_DSC9548

_DSC9546

_DSC9540

Cun modelo autoxestionado, o noso alumnado conta coa asistencia das voluntarias da Biblioteca, as “Axudantes de Leo”, que ensinan aos seus compañeiros como se debe empregar o espazo, que posibilidades creativas hai, cando se pode facer uso do recanto…

De seguro que este espazo traerá tamén unha nova sección a este Blog!

Polo de agora xa vos podemos amosar unhas imaxes dun dos primeiros días dende que se estreou este espazo.

_DSC9549

Recibide un saúdo!

Lémonos,

LEO