Lémonos. LEO.
Durante a fase de motivación para o desenvolvemento do Proxecto Documental Integrado, a Biblioteca organiza unha serie de actividades entre as que está a creación dun centro de interese que recolla tódolos documentos que atopamos entre os nosos fondos, ou que adquirimos para a ocasión.
Nel podemos atopar libros, películas, documentais, folletos… cuxa temática está directamente relacionada co tema escollido.
Esta exposición vale tamén para que o noso alumnado a visite e identifique, antes de comezar a traballar, as fontes de onde sacará a información.
A decoración que a acompaña tamén se renova e se relaciona coa temática do curso.
Como este ano toca a horta, xa que o proxecto se titula: “Sementa ideas, recolle futuro” e céntrase na agricultura ecolóxica, velaí tendes as nosas hortalizas…
Este centro de interese manterase todo o que resta de curso e se poderán ir incorporando as novas adquisicións, resultado das suxestións que se nos fagan dende o profesorado.
Un dos primeiros grupos en visitar o recanto do PDI foi o de 2º curso de primaria.
Un saudiño, lémonos,
LEO
Se fai uns días escribía que saían as Mochilas Viaxeiras para as casa dos nosos pequechos, hoxe xa chegaron os primeiros Cadernos de Bitácora feitos en familia!
Coma sempre agradecemos a implicación de todos nas nosas propostas, xa que sen a vosa axuda non se poderían levar a cabo. Unha aperta!
Lémonos. LEO
Este curso as nosas mochilas inclúen unha novidade. Logo da experiencia do ano anterior cos libros electrónicos que puideron probar os voluntarios, pensamos que estaría ben estendelo a toda a Comunidade Escolar.
Ocurréusenos que un xeito de facelo podía ser envialos nas Mochilas Viaxeiras, e así llo comunicamos ás familias, coas que asinamos un compromiso de responsabilidade por extravío ou deterioro do dispositivo.
Unha vez recollidas as autorizacións os voluntarios pasaron polas clases xunto cos profesores encargados da biblioteca para faceren entrega destas novas mochilas, explicarlles aos usuarios as normas e como habían de facer para cargar a batería dos e-readers.
Outra das posibilidades que plantexamos é a de que as familias tamén poidan utilizar os dispositivos, por iso lles pedimos suxestións para a adquisición de títulos que poidan ser do seu interese.
Xa vos iremos dando conta de como vai indo a experiencia.
Un saúdo, lémonos,
LEO
Hoxe fomos a Ourense para asistir á entrega de premios do V Certamen OUFF Escola, dentro do 19º Festival Internacional de Cine da cidade das Burgas.
Os nenos de Educación Infantil de 4 e 5 anos participaban co seu audiovisual Pancho e Panchita, que elaboraran coma un dos traballos do PDI “Ríos e Praias en Boas Mans” no curso 2013/2014.
Os gañadores na categoría de Educación Infantil e Primaria foron:
1º Premio, CEIP San Xoan de Filgueiras de Ferrol, coa súa curta Troco
2º Premio, CEIP de Laxe, por Medusópolis 999
Premio ao mellor guión ao CEIP Mestre Valverde de Mayo de Mos, por O ritmo da miña vida
PARABÉNS AOS PREMIADOS!!!
Aquí vos deixamos a foto con todos os galardoados. Vémonos o ano que ven.
Un saúdo, lémonos,
LEO
Chegou o momento de volver coas conmemoracións.
Na nosa escola repartimos o traballo formando dous equipos que se encargan de coordinar a decoración. Desta volta tocoulle a quenda aos pícaros de Infantil e 1º Ciclo.
Normalmente desenvolvemos conxuntamente o Samaín e o Magosto, retrasando un pouco o primeiro e programando un feixe de actividades que completan un día lectivo. Este ano, por mor do mal tempo, tivemos que suspender algunhas delas e refacer a xornada sobre a marcha.
Para a preparación previa, Educación Infantil encargouse de confeccionar a palabra Samaín nunhas letras de cartón xigantes que encheron o escenario.
Despois sumáronse as pantasmas realizadas polos pícaros de 1º ciclo, un pouquiño de luz negra, luz incandescente, fume de escenario e unhas velas completaron a base da decoración.
Só faltaba o toque final, do que se encargarían todas as familias, que un ano máis encheron a escola coas súas cabazas e cestas de outono.
Os gañadores nas distintas categorías do concurso de cabazas foron:
Andrés, de 5º Educación Infantil
Noé, de 5º de Primaria
Santi Álvarez, de 6º de Primaria
Outorgou o xurado unha mención especial a: Santiago de 3º de Primaria
No concurso de cestas a gañadora foi Carlota, de 5º de Primaria.
Un saúdo, lémonos,
LEO
Outra actividade que se desenvolveu este ano para conmemorar o Día das Bibiotecas Escolares foi a elaboración dun conto viaxeiro.
O alumnado de 2º de primaria a 6º encargouse dos textos, e Infantil e 1º ilustraron a Historia cos seus debuxos.
Agardamos que vos guste. Lémonos,
LEO
Para dar comezo a este PDI “Sementa ideas, recolle futuro” pensamos que estaría ben preparar unha pequena xornada lúdica con distintos obradoiros.
Outra das conclusións ás que chegaramos os mestres, na Avaliación do noso Plan de Formación en Permanente do Profesorado (PFPP) 2014, era que debíamos facer máis cousas na rúa, achegando a Escola aos veciños da Lama, para que puideran ser testemuña das aprendizaxes dos nosos cativos.
O martes 21, logo de un aprazamento por mor do mal tempo, levamos estas iniciativas á Alameda do Concello. Aquí voz deixamos un vídeo en unhas fotografías da crónica do día.
PDI 2014 FESTA INICIO from CEIP A LAMA on Vimeo.
Os obradoiros foron 5: un de identificación de plantas polo aroma, un de música, un de modelaxe con Jumping Clay, outro de elaboración de figuras comestibles con froitas e outro de elaboración de lemas ecolóxicos.
Agardamos que vos parecera interesante.
Lémonos,
LEO
Ola moz@s!
Xa había tempo que non escribíamos, pero es que este comezo de curso andamos preparando unha chea de cousas para poder traballar este ano.
Onte, 24 de outubro, conmemoramos na Escola (a Escola grande, en maiúsculas, o conxunto de centros educativos que conformamos esta gran rede…) o Día das Bibliotecas Escolares.
Como ven sendo costume, no noso colexio programamos unha serie de actividades. O vídeo que vos amosamos a continuación correspóndese con “Decobiblio”, que como xa saberedes consiste en preparar os espazos da aula dedicados á Biblioteca: para a Hora de Ler, o traballo no PDI…
Un saudiño, lémonos,
LEO
Ola a todos!
A revista escolar CEIBE 2014 xa leva uns días na rúa, e mentres tanto nós andabamos a preparar a versión online cos enlaces aos vídeos e demais contidos que xa están subidos na rede.
Xa nos contaredes que tal.
Un saudiño, lémonos,
LEO
Aquí vos deixamos un vídeo con distintos momentos da produción de Ranilda. Desculpade os problemiñas técnicos que fixeron que nalgúns momentos no se escoite todo o ben que desexamos, e non vos perdades os últimos minutos coa dobraxe das voces.
MAKING OFF corto RANILDA from Leo de A Lama on Vimeo.
Agardamos que vos pareza interesante.
Un saúdo, lémonos,
LEO
O pasado mércores 11 de xuño fomos de excursión á Illa de Arousa, en concreto a Punta Carreirón, que forma parte do Parque Nacional Illas Atlánticas e do Complexo Intermareal Umia-O Grove.
Neste caso tratábase dunha actividade lúdico-festiva para pechar un ano intenso de traballo arredor dos Ríos e as Praias.
Deixámosvos un vídeo do momento principal da xornada: o paseo en Kayak!!!
EXCURSIÓN FINAL DO PDI "RÍOS E PRAIAS EN BOAS MANS" Á ILLA DE AROUSA (PONTEVEDRA) from CEIP A LAMA on Vimeo.
Algún mestre tivo que mollar os pés para coller os mellores planos.
Agardamos que vos guste.
Un saúdo, lémonos,
LEO
Dende hai moitos anos Antonio é un máis noso centro, sobre todo cando se trata de falar do medio ambiente.
Hoxe é o noso protagonista na biblioteca, xa que os nenos de segundo ciclo fixéronlle unha entrevista!
ENTREVISTA ANTONIO MEMBRIVES from CEIP A LAMA on Vimeo.
Grazas pola túa implicación con nós, grazas polo teu esforzo, grazas por ensinarnos tanto...
Lémonos. LEO.
Como ben sabedes algúns, o CEIP “A Lama” leva participando 3 anos no concurso “Nós tamén creamos”, que convoca a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, en colaboración coa CRTVG e OQO editora.
Este ano, por uns e outros motivos, non demos chegado para presentar o noso traballo no prazo establecido. Pero como o importante é facelo... aí vos vai.
RANILDA HD from CEIP A LAMA on Vimeo.
Agardamos que vos guste.
Un saúdo, lémonos,
LEO
Este ano, para festexar o Día das Letras Galegas, saímos fóra... quixemos facer chegar as verbas máis aló das paredes da “Biblio”, da escola... saímos á alameda do pobo é rodeados de moitos curiosos que nos quixeron acompañar, pasamos unha xornada moi especial.
Traballamos nas aulas a figura do homenaxeado, Xose María Díaz Castro, e como fora escritor de poesía... quixemos compartir as nosas, e agasallar á xente do pobo co noso particular tendal de poesías!
Non podiamos rematar o día sen repetir a experiencia do Rastro de Libros. Coma na anterior ocasión, os libros que expurgamos da nosa biblioteca chegan ás rúas da Lama cun prezo simbólico, e coa finalidade de darlle unha nova vida a estes fondos!
Seguro que repetiremos a experiencia…
Lémonos…
LEO!