Un saludiño rapaces!
Lémonos. LEO
DÍA DA PAZ - 2014 from CEIP A LAMA on Vimeo.
O pasado 30 de xaneiro, conmemoramos na escola a Xornada Escolar pola Paz e a Non Violencia.
Dende hai 4 anos esta data a incluímos na programación do Proxecto Documental Integrado (este ano “Ríos e Praias en Boas Mans”), do mesmo xesto que o Entroido e outras datas sinaladas.
A actividade que vedes no vídeo é un Mercado Solidario. Cada ciclo se encarga de elaborar unha serie de manualidades, que logo se expoñen no escenario ambientado para a ocasión. A recadación (desta volta foron 198 €) se lle entrega a unha ONG ou asociación que desenvolva un proxecto solidario relacionado coa temática a traballar. O primeiro ano (traballamos A Auga) os cartos foron para UNICEF, pola experiencia “Gotas de auga para Níxer”; o segundo ano (O Bosque) para a Asociación “Ridimoas” de Ribadavia que se ocupa de recuperar o bosque autóctono; o pasado curso foron (As Enerxías Sostibles) para a iniciativa “Bicis pola Paz”, que desenvolve Anxo Moure...
Para este ano pensamos na asociación pontevedresa “Vai polo río”, polo seu labor de recuperación no río dos Gafos. Como xa vos contamos en outra entrada, o propio Día da Paz recibimos a visita de Amancio, Paulo e Ramón, que nos contaron en que consistía o traballo. Coa nosa colaboración poderán editar a 2ª parte do cartaz “Tesouros Biolóxicos do Río Gafos”, e xa nos anunciaron que a presentación será na nosa escola.
Nós quedamos encantados de poder colaborar e que o noso esforzo se vexa recompensado con este agasallo.
Por outra banda, na clase de música estiveron aprendendo a canción de Pablo Díaz, “Ecoloxista”, que está publicada no seu último libro-disco TOC TOC, e que ilustra Nuria Díaz. (Tan interesante como o TIC TAC... Recomendámolo!)
Os de 5º e 6º de Primaria compuxeron dúas estrofas máis que vos deixamos aquí por se vos gustan.
“A natureza pode estar en perigo,
se non paramos a deforestación.
Mareas vivas en vez de mareas negras,
e nas escolas sensibilización.”
“Salvar paxaros e outros seres vivos,
coidar lagoas, bosques e humedais,
con boas prácticas nos ecosistemas,
flora e máis fauna poderemos salvar.
Un saúdo, lémonos,
LEO
Ola a tod@s!
O pasado 30 de xaneiro festexamos o Día Escolar pola Paz e a non Violencia. Seguindo a liña dos últimos anos, o noso alumnado traballou arredor dunha iniciativa solidaria relacionada coa temática do Proxecto Documental Integrado, e neste curso: “Ríos e Praias en boas mans”.
Unha das actividades programadas foi o encontro cos membros da asociación ecoloxista pontevedresa “Vai polo río”, para que nos contaran cal é o seu labor, como comezaron, que foron atopando no río dos Gafos…
Durante o encontro, Pablo Carro, Amancio Castro e Ramón Laxe, foron descubrindo os tesouros biolóxicos que son a parte máis fermosa do seu traballo, aínda que tamén puideron comentar que cousas curiosas, ao tempo que sucias, foron descubrindo neste leito que con tanto mimo limpan.
Como sorpresa, descubríusenos que este cartaz, “Tesouros Biolóxicos do Río Gafos”, terá unha segunda parte, sufragada cos cartos recadados polos nenos e nenas do CEIP “A Lama” . Ademais, adiantáronnos que a “presentación mundial” terá lugar na nosa escola en canto estea listo.
Unha delicia de visita que agardamos lles valera aos nosos cativos para por en valor todo aquilo que lles rodea, porque na Lama tamén temos uns ríos ben fermosos e importantes.
Un saúdo, lémonos,
LEO