sábado, 27 de abril de 2024

"LETRAS NA PRAZA" - COMO FOI?

O 24 de abril tivo lugar na alameda da Lama o 1º Encontro "Letras na Praza", cunha participación extraordinaria.

Foron 240 alumnos dos colexios da Lama, Carballedo e Fornelos de Montes, xunto coas familias, veciños e autoridades que tamén se sumaron.
(Fai clic na imaxe para poder ver unhas pouca máis)

Os ecos da actividade foron moi positivos e todos os participantes se amosaron entusiasmados co resultado.

Na alameda instaláronse unha serie de estacións polas que todos se podían mover libremente, nun entorno moi seguro grazas á implicación das familias e Protección Civil.

A ANPA da escola da Lama fixo posible que puideramos contar coa actuación de César Freiría (Cé, Orquetra Pantasma).

Tamén participou no evento Nieves Loperena, coa Furgolibro da Tía Ni.

O Colexio Plurilingüe de Carballedo xa se postulou para tomar o relevo e ser os anfitrións na vindeira edición.

venres, 19 de abril de 2024

RADIO NA BIBLIO CON... GABRIEL PAZ OTERO!

O 17 de abril tivemos a primeira das xornadas dos obradoiros de Radio na Biblio, a cargo de Gabriel Paz Otero.

Gabi é técnico profesional de imaxe e o son, especialista en creación audiovisual, con experiencia na producción técnica de programas de radio.

Durante dous días consecutivos desenvolveu uns obradoiros para o alumnado de 5º e 6º que quedaron encantados coa experiencia, e máis adiante puideron aproveitar o aprendido na gravación e edición de audios para as distintas áreas co seu portátil de Edixgal.
(Fai clic na imaxe para poder ver unhas poucas máis)

De seguro que volveremos contar con el, pois o resultado foi fantástico e conectou co alumnado formidablemente.

luns, 15 de abril de 2024

I ENCONTRO "LETRAS NA PRAZA"


O próximo 24 de abril terá lugar na alameda da Lama o 1º encontro "Letras na Praza", que xuntará ás escolas da Lama, Carballedo e Fornelos de Montes, nun xornada arredor da lectura e os libros. 

Trátase dunha primeira experiencia entre centros que ten vocación de continuidade e de itinerancia entre os distintos concellos.

Estará aberta ás familias e a toda a veciñanza. Agardamos a vosa participación!