domingo, 25 de febreiro de 2024

ITINERARIO MATEMÁTICO

No día de onte tivemos a grandísima sorte de poder participar nunha actividade de formación con Rosana Pazos e Víctor Lorán, @matefactoría.

Un luxo poder coñecer, nun encontro de mañá e tarde, a súa grandísima experiencia no ámbito do ensino das matemáticas.

Esta formación está enmarcada dentro do noso Plan de Formación Permanente do Profesorado. Con ela pretendemos facer unha profunda reflexión sobre o modelo a seguir para o ensino das matemáticas e poder elaborar un itinerario que teña en conta todo o proceso evolutivo do alumnado, dende 4º de educación infantil ate 6º de primaria.

Queremos facer especial mención ao claustro e profesorado convidado, polo seu compromiso e vocación docente, sacrificando o seu tempo persoal nunha maratoniana xornada de sábado.

Agardamos que os froitos destas xornadas de formación se poidan ir visualizando pronto, e que o vindeiro curso xa poidamos aplicar un plan ben secuenciado en tódolos niveis educativos da nosa escola.

sábado, 15 de xullo de 2023

FASE DE PRESENTACIÓN DO PDI

Velaí vai un vídeo que quere ser unha pequena mostra da última fase do noso Proxecto Documental, a de presentación do aprendido.

Trátase de pequenas pinceladas de cada un dos ciclos.

PRESENTACION_PDI_2023 from O Recanto de Leo on Vimeo.

sábado, 1 de xullo de 2023

A LAMA SPRING SHOW - I FEIRA DE EXHIBICIÓN

O 12 de xuño celebrouse na escola a I Feira de Exhibición do traballo de Alfabetización Mediática e Informacional desenvolvido durante o curso.

"A Lama Spring Show", fixo as delicias de pequenos e maiores... pensándoo ben, máis de maiores; que se puxeron as botas no show cooking "Sabores do Mundo" preparado polo alumnado de 2º ciclo.

"Da horta ao prato" foi a presentación do PDI do alumnado de Educación Infantil e desenvolveuse na sala central da Biblioteca.

Os de 3º ciclo prepararon unha demostración de tódolos recursos da nosa Biblioteca Creativa e Radio na Biblio, ademais do programa Edixgal e recursos de Polos Creativos. Esta parte desenvolveuse nos Laboratorios da Comunicación, Creativo e de Radio da Biblioteca.

E os de 1º ciclo fixeron a súa presentación do PDI "Entre Costuras", no escenario do Salón de Actos. Todo un repaso pola historia da moda e a súa pegada no medio ambiente.

Tamén tivemos unha gran sorpresa: visitounos "A Vella Lulula", un pouco máis maiorciña, pois xa pasaron máis de 10 anos dende a súa gravación.

venres, 30 de xuño de 2023

CONSELLOS PARA UNHA HORTA SOSTIBLE

O alumnado de Educación Infantil recolleu moita información durante a súa investigación sobre os cultivos. Neste vídeo podemos ver uns consellos para poder ter unha horta sostible.

TIPS_HORTA from O Recanto de Leo on Vimeo.

xoves, 29 de xuño de 2023

RECURSOS PDI ENTRE COSTURAS

En 1º ciclo crearon unha serie de materiais para afianzar o investigado e que o alumnado puidera traballar distintos contidos.

Aquí vos deixamos unha mostra en PDF do caderno de traballo que despois elaborou cada alumno.

Descargar PDF -

luns, 26 de xuño de 2023

DE ROTEIRO POLO RÍO XESTA

Dentro da investigación sobre os ODS decidimos facer unha ruta de sendeirismo que nos levaría a mini central hidroeléctrica do río Xesta.

Puidemos coñecer de primeira man o impacto que pode ter unha fonte de enerxía sostible, porque aínda que limpa, non deixa de ter a súa pegada.

TRALOS PASOS DO XESTA from O Recanto de Leo on Vimeo.

domingo, 25 de xuño de 2023

CALENDARIO DE TEMPADA

Un dos documentos que elaboraron os pequenos e pequenas de infantil foi este calendario de tempada, onde se recolle mes a mes que produtos da horta se colleitan. A información a procuraron na web https://soydetemporada.es.

Cada cativo levou o seu para casa, pero un ben grande o empregaron na fase de presentación do seu PDI e agora cola no corredor de Ed. Infantil.


En cada páxina hai un código QR que enlaza cun audio que gravaron na radio da biblio coa verdura ou hortaliza que quixeron destacar, aínda que descubriron que cada mes podía haber 5 ou 6 propias.


A conclusión máis importante é que se consumes produtos de tempada contaminas menos, pois non os hai que transportar dende tan lonxe.


Introducimos pois logo o concepto de alimentos Km 0, que nos leva outra vez ao lema do seu PDI "Da horta ao prato".



CALENDARIO from O Recanto de Leo on Vimeo.

Aí van unhas fotos durante a elaboración.

sábado, 24 de xuño de 2023

CON+CIENCIA

Esta actividade que se desenvolveu durante o noso Proxecto tivo por obxectivo que o alumnado coñecese as características e propiedades da auga a través da observación, a experimentación e a manipulación.

Cada equipo tivo que preparar un pequeno experimento baseándose no método científico para despois presentarllo ao alumnado de Educación Infantil do centro.

Os experimentos escollidos foron: Pementa fuxitiva, A auga que non cae, Néboa nun vaso, Cóctel de cores, Fonte de auga e Debuxos animados con auga.

CON+CIENCIA from O Recanto de Leo on Vimeo.

venres, 23 de xuño de 2023

O AIRE

O alumnado de 2º ciclo nos deixa outra entrega en vídeo, dos materias que elaboraron durante o desenvolvemento do PDI 2023 "O teu consumo deixa pegada".

O AIRE from O Recanto de Leo on Vimeo.

xoves, 22 de xuño de 2023

OBRADOIRO DE TECIDOS NATURAIS

Desta volta vos deixamos unhas imaxes que nos entrega o 1º ciclo. Durante a súa investigación arredor da pegada que deixa a industria téxtil puideron gozar no obradoiro sobre tecido e tinguido natural: o liño.

LINO from O Recanto de Leo on Vimeo.

mércores, 21 de xuño de 2023

INVESTIGAMOS SOBRE OS ODS

 O alumnado de 3º e 4º de primaria investigou sobre os ODS, a súa concreción da temática xeral que foi "O teu consumo deixa pegada", lema do Proxecto Voz Natura 2022/2023.

PDI_ODS_PART1 from O Recanto de Leo on Vimeo.

Aquí vos deixamos un dos vídeos que elaboraron e empregaron na súa presentación.