O pasado 16 de novembro, aproveitando a saída a Ourense para o certame OUFF escola, comezamos a recollida de información para o desenvolvemento do novo PDI: “Protexe a vida, coida os nosos ecosistemas”. Achegámonos ao Parque Botánico de Ourense. Un lugar aínda novo no tempo, pero no que nos acolleron con gran profesionalidade. O lugar, denominado “Montealegre”, é un espazo natural emblemático da cidade pero que, como ben nos explicaron, sufriu na súa historia grandes agresións ambientais, tales como: explotacións minerais a ceo aberto, incendios forestais... o que provocou importantes impactos que aínda hoxe son visibles. No ano 2008 o Concello, despois de estudar diferentes propostas, impulsa a creación deste Parque Botánico co fin de recuperar a riqueza ambiental da zona e fomentar a biodiversidade, mediante a creación dun espazo botánico de 112.000 m2 e outros 28.000 de reserva, que inclúe a plantación de 3.000 vexetais de diferentes especies, a construción dun centro de recepción e investigación, a creación dunha aula-auditorio...
|
Como as instalacións non están abertas ao público na súa totalidade, os rapaces fixeron, logo dunha pequena charla explicativa, un recorrido que nos levou pola representación de un ecosistema mediterráneo con gran variedade de especies, unha parada nun dos miradoiros máis altos da cidade, a visita ao invernadoiro con plantas carnívoras para rematar baixando ao carón dunha horta de plantas aromáticas.
Dende logo que as plantas carnívoras, os seus ecosistemas, a súa alimentación e adaptación ao medio... foron un dos lugares que máis preguntas provocou!
Lémonos,
LEO!