Despois de todo este tempo traballando na nova biblioteca, queremos que sexades dos primeiros en vela.
Velaí vos van unhas pouquiñas fotos que esperamos sexan do voso agrado.
Dentro duns días tentaremos de ir poñendo imaxes de todo o proceso, así como das distintas actividades que fomos realizando ao longo do ano.
Estes andeis recollen parte dos libros de literatura infantil dos que dispoñemos. Ao fondo podemos observar tamén, documentos de outras materias: xeneralidades, ciencias, historia...
Dispoñemos dun recanto para 4 ordenadores con conexión a internet. Os voluntarios da biblioteca son os encargados de organizar a súa utilización, e explicarlle as normas aos seus compañeiros. Un deles está conectado ao proxector de vídeo e emprégase a miúdo nas charlas que se acompañan de presentacións audiovisuais.
Aquí vos amosamos outra perspectiva da biblioteca. A verdade é que contar cun espazo amplo axuda moito á hora de levar a cabo as ideas que se nos van ocorrendo.
O recanto informal de lectura é, ademais do máis empregado, o favorito dos nenos e nenas de Educación Infantil.
Nesta foto podedes ver dende outro ángulo o recanto informal. Que non falten as lecturas favoritas dos nosos cativos!
Aquí estou eu. Os profes quixeron que tivera un retrato na parede da "biblio", para que cando ande de viaxe, non se esquezan de min. Saín ben favorecido, eh?
Para o cómic mercamos uns andeis ben chulos, con moitos debuxos e palabras escritas.
Os voluntarios teñen unha tarxeta identificativa persoalizada, e firman nun rexistro a súa colaboración. En algún momento haberá que comezar a ter responsabilidades, non si?
Esperamos que vos gustara esta visita virtual, pero xa sabedes que si nos queredes vir ver a A Lama seredes ben recibidos. Tamén estamos abertos a tódalas suxestións que nos queirades facer a través dos comentarios deste blogue.
Un saudiño. Lémonos...
Leo