venres, 24 de outubro de 2025
HOXE É O DÍA DA BIBLIOTECA
sábado, 26 de abril de 2025
DÍA DO LIBRO - II Encontro "Letras na Praza"
O pasado 23 de abril celebrouse no CEIP de Carballedo o II Encontro "Letras na Praza", iniciativa que nacera no CEIP A Lama no curso anterior e que pretende ser unha xornada de convivencia entre os centros da contorna para festexar o Día do Libro.
O relevo tomouno de forma marabillosa a comunidade educativa do centro antes mencionado e reuniu a máis de 350 alumnos dos colexios de Carballedo, A Lama, Fornelos de Montes, Tenorio e Cerdedo.
A animación musical correu a cargo de "Migallas" que fixeron as delicias de todos repasando os seus mellores éxitos.
Clicando na foto poderás ver máis instantáneas da xornada: momentos para a lectura, a creación, a convivencia... Xa estamos agardando a próxima edición!!!
venres, 11 de abril de 2025
II ENCONTRO "LETRAS NA PRAZA"
O vindeiro 23 de abril celebrarase o II Encontro "Letras na Praza", que nesta ocasión reunirá aos colexios: CEIP de Carballedo (que actúa como anfitrión), CEIP A Lama, CEIP Doutor Suárez, CEIP de Tenorio e CEIP San Xoan Bautista.
Trátase da segunda edición dunha actividade que pretende festexar o Día do Libro tecendo redes entre os centros da zona. Letras na Praza naceu o curso pasado na Lama e, como foi pretensión dende o seu inicio, adquire o carácter de itinerante, para achegar a lectura a todos os concellos e vilas da comarca.
sábado, 26 de outubro de 2024
24 DE OUTUBRO - DÍA DA BIBLIOTECA
O pasado 24 de outubro tivemos a sorte de poder compartir un rato máis que agradable con Paco Cerdeira "Pakolas", que fixo as delicias de pequenos e maiores nun concerto inesquecible.
Aproveitando que o noso alumnado de 1º ciclo está a desenvolver un PDI sobre a Ciencia e o Espazo, pedímoslle que nos presentara o espectáculo de "A Ramona pequena vai á lúa".
Ademais, estivo acompañada pola ilustradora Laura Romero, que ambientou plasticamente as cancións e contos de Pakolas.
(Clica na imaxe se queres ver outras)
Esta actuación foi posible grazas á colaboración da Axencia Municipal de Lectura da Lama que a incluíu no seu proxecto "O Galego en-Canta na Lama!"
venres, 24 de maio de 2024
POLO CORREO DO VENTO - LUÍSA VILLALTA
A actividade chegou da man da Deputación de Pontevedra, a través da solicitude que fixo o Concello da Lama.
sábado, 27 de abril de 2024
"LETRAS NA PRAZA" - COMO FOI?
O 24 de abril tivo lugar na alameda da Lama o 1º Encontro "Letras na Praza", cunha participación extraordinaria.
Os ecos da actividade foron moi positivos e todos os participantes se amosaron entusiasmados co resultado.
Na alameda instaláronse unha serie de estacións polas que todos se podían mover libremente, nun entorno moi seguro grazas á implicación das familias e Protección Civil.
A ANPA da escola da Lama fixo posible que puideramos contar coa actuación de César Freiría (Cé, Orquetra Pantasma).
sábado, 29 de abril de 2023
KM SOLIDARIOS
O 26 de abril celebrouse o Día da Educación Física na rúa.
Non quixemos perder a oportunidade de enlazalo co noso PDI e organizamos a I Carreira Solidaria do CEIP A Lama.
Cada participante tiña que facer a doazón de 1 Kg/L de comida ou produtos de hixiene, que logo doamos aos servizos sociais do Concello da Lama.
Foi todo un éxito de participación.
KM_SOLIDARIOS from O Recanto de Leo on Vimeo.
mércores, 7 de decembro de 2022
DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE
O 5 de decembro estreamos oficiosamente a biblioteca para acoller unha actividade moi especial: festexar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade.
O noso obxectivo era o de facer visibles as diversas capacidades para unha maior concienciación da comunidade educativa sobre o respecto ás persoas e as súas dificultades.
Organizáronse obradoiros sobre as discapacidades: visual, auditiva, TDA, TDAH, de mobilidade e Síndrome de Down.






























