Amosando publicacións coa etiqueta Formación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Formación. Amosar todas as publicacións

domingo, 25 de febreiro de 2024

ITINERARIO MATEMÁTICO

No día de onte tivemos a grandísima sorte de poder participar nunha actividade de formación con Rosana Pazos e Víctor Lorán, @matefactoría.

Un luxo poder coñecer, nun encontro de mañá e tarde, a súa grandísima experiencia no ámbito do ensino das matemáticas.

Esta formación está enmarcada dentro do noso Plan de Formación Permanente do Profesorado. Con ela pretendemos facer unha profunda reflexión sobre o modelo a seguir para o ensino das matemáticas e poder elaborar un itinerario que teña en conta todo o proceso evolutivo do alumnado, dende 4º de educación infantil ate 6º de primaria.

Queremos facer especial mención ao claustro e profesorado convidado, polo seu compromiso e vocación docente, sacrificando o seu tempo persoal nunha maratoniana xornada de sábado.

Agardamos que os froitos destas xornadas de formación se poidan ir visualizando pronto, e que o vindeiro curso xa poidamos aplicar un plan ben secuenciado en tódolos niveis educativos da nosa escola.

domingo, 20 de novembro de 2022

QUE É ALFIN? QUE É AMI?

Unha das funcións máis importantes do Equipo de Biblioteca é a formación dos seus usuarios. E si, o profesorado tamén ten que formarse no emprego de cada un dos seus recursos, espazos e finalidades.

Refundimos un par de presentacións para aportar unhas pinceladas que pretendemos que axuden a aclarar as ideas...

É obvio que certas normas poden variar dun centro a outro, pois as particularidades de cada un traerán distintas necesidades. O innegable é que o equipo debe promover estas entre os distintos usuarios para que todo o traballo no se vaia pola borda.

Nós temos varios sesións de formación do profesorado ao longo do curso, nas reunións de coordinación pedagóxica que facemos de 9:00 a 10:00, antes do comezo das aulas. Ademais, dedicamos unha das liñas do PFPP a temáticas relacionadas coa Biblioteca e a súa Dinamización.

xoves, 29 de marzo de 2018

TOCA FORMARNOS… RADIO NA BIBLIO!

_DSC5956

Como ben sabedes estamos embarcados nun novo proxecto: Radio na Biblio!

Xa fai un tempo foi a quenda do profesorado para formarse. Nesta ocasión da man de Javier Prado que ademáis nos acompañará noutra xornada neste mes con obradoiros para os rapaces.

Novos espazos educativos, dinámicas para as aulas, posibilidades de creación literaria, animación á lectura, prácticas cos medios de comunicación... un mundo de posibilidades nas que xa estamos inmersos.

Lémonos,
LEO.

xoves, 16 de novembro de 2017

AS NOSAS SENLLEIRAS

SENLLEIRA

No día de hoxe inaugurouse na escola unha exposición sobre árbores senlleiras que estará con nós ate o día 1 de decembro.

Ademais do paneis explicativos poderedes ver as especies arboreas que se atopan polos corredores da escola.

A Deputación tróuxonos esta exposición que conta ademais cuns dosieres informativos para poder localizar estas árbores por toda a provincia.

Un saudíño, lémonos,
LEO

domingo, 6 de decembro de 2015

O CEIP “A LAMA” NO CULTURGAL 2015

Esta fin de semana celebrouse no Pazo da Cultura de Pontevedra a Feira Culturgal 2015.

CULTURGAL_LOGO

O CEIP “A Lama” puido contar coa representación dos mestres Cris e Rafa, que foron convidados a presentar a experiencia de creación audiovisual que se está a desenvolver na nosa escola cunha pequena charla titulada: “ESTRATEXIAS DE CREACIÓN AUDIOVISUAL NA ESCOLA DO SÉCULO XXI”, dirixida principalmente a profesorado de ensino non universitario.

       Fotos: Seso DuránDSC_9417

O relatorio estivo precedido dun Obradoiro de Creación Audiovisual desenvolvido polo profesor do IES “As Barxas”, de Moaña, Seso Durán.

No CEIP “A LAMA” sabemos do seu bo facer, xa que o curso pasado puidemos gozar coa súa presenza nas actividades que anualmente desenvolvemos no colexio, enmarcadas no Plan de Formación Permanente do Profesorado.

O universo creativo dos cativos da Lama fíxose presente a través das personaxes das curtas de animación: “Os Panchos”, “A Escaleira”, “A Vella Lulula”, “Ranilda”, “Monstruito”…

DSC_9419

Un saúdiño, lémonos,
LEO

venres, 20 de decembro de 2013

O LABORATORIO DA COMUNICACIÓN EN EDUGA

A Revista Galega do Ensino, EDUGA, que edita a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ven de publicar o número 66, no que entre outros, podedes atopar un artigo sobre o noso “Laboratorio da Comunicación”.
eduga
Agardamos que vos pareza interesante. Trátase de compartir a nosa experiencia educativa neste ámbito, e presentar este novo proxecto do Equipo de Biblioteca que xa está comezando a rodar.
Un saúdo! Lémonos,
LEO

domingo, 7 de abril de 2013

HOXE FALAMOS DE… ENERXÍA EÓLICA


Dentro do Proxecto Documental Integrado sobre as Enerxías Sostibles que estamos a desenvolver este curso, teñen cabida, como non, os encontros con especialistas na materia.

Hai poucas datas que nos desprazamos ao concello de Portas para visitar unha cuberta solar, e o pasado mércores aproveitamos a estancia entre nós de Rubén, o padriño de Andrea de 5º, que se adica profesionalmente a instalar e reparar aerogeneradores, para escoitar unha charla sobre Enerxía Eólica.

_DSC2175
_DSC2192 _DSC2188

Foi tremendamente interesante, aportounos moitísimos datos e nos deixou moita información que agora debemos de ir estudando.

TRABAJO  MANTENIMIENTO EOLICO

Aquí vos deixo os enlaces a tres documentos moi interesantes que nos deixou sobre a as Enerxías Sostibles en xeral e a Eólica en particular.

http://dl.dropbox.com/u/49382374/DOCS_ENERXIAS_SOSTIBLES/comparativas_enerxias_renovables.pdf
http://dl.dropbox.com/u/49382374/DOCS_ENERXIAS_SOSTIBLES/Energias_Renovables.pdf
http://dl.dropbox.com/u/49382374/DOCS_ENERXIAS_SOSTIBLES/montaje_aerogeneradores.pdf

Un saúdo, nenos!

Lémonos,

LEO

mércores, 6 de marzo de 2013

SEGUINDO COA INVESTIGACIÓN… “PDI: AS ENERXÍAS SOSTIBLES”

O pasado venres, 1 de marzo, tivemos unha nova saída investigadora para procurar información sobre a temática do noso Proxecto: “As Enerxías Sostibles”.

Nesta ocasión tocáballe a quenda á Enerxía Solar, e sabedores de que no concello de Portas había unha empresa (www.inteledesolar.es) que organizaba visitas para escolares, alí fomos cos alumnos de Educación Infantil e Primeiro Ciclo de Primaria, xa que o resto do cole iría o luns, 4.

Só podemos ter palabras de agradecemento para eles, que tan ben nos acolleron, e tan boas explicacións nos deron sobre o aproveitamento da Luz Solar e a súa conversión en Enerxía Eléctrica e Calorífica.

_DSC1769

A sesión comezou cunha explicación e rolda de preguntas nunha cuberta solar experimental, onde fan as probas dos distintos tipos de placas e transformadores, para poder ofertar aos clientes os produtos máis eficientes.

Alí aprendemos a diferenciar entre as placas fotovoltaicas e as térmicas; as primeiras produtoras de electricidade, e as segundas para quentar auga.

_DSC1763 _DSC1764

Máis tarde nos dirixiron a outra instalación próxima na que continuamos a recibir moitos datos sobre a Enerxía Solar, e ate tivemos a oportunidade de tocar unha placa fotovoltaica.

_DSC1787 _DSC1783
_DSC1791 _DSC1797

Unha das preguntas que xurdiu, e que nos resolveron axiña, foi: “De que material están feitas?” Resulta que o Silicio é o máis importante para a produción de placas xeradoras de electricidade.

Outra dúbida importante era se a electricidade que se producía xa se podía empregar directamente para enchufar un ordenador ou calquera outro aparello doméstico. E tamén nos explicaron que non, que era precisa una transformación, para converter a corrente en alterna, xa que a que produce a placa é continua (como a das pilas), ademais de ser precisa a transformación da voltaxe a 220 voltios.

Como todos estes conceptos se nos escapaban un pouquiño, nós quedámonos con que a corrente que saía da placa entraba nun aparello e saía del preparada para o seu uso nas nosas casas.

 

_DSC1804 _DSC1818

Outro factor importante era o de saber a corrente que se subministraba á rede, para o que a instalación contaba cun contador que rexistraba produción e o consumo.

_DSC1821

A verdade é que alumnos e profesores quedaron contentísimos coa visita, xa que foi moi proveitosa.

Agardo que a vós tamén volo pareza.

Un saúdiño, lémonos,

LEO

sábado, 8 de decembro de 2012

O PDI XA ESTÁ EN MARCHA! “AS ENERXÍAS SOSTIBLES”

O Proxecto Documental deste ano xira en torno ás Enerxías Sostibles, e no cole xa estamos inmersos nas distintas fases de desenvolvemento.

Unha das iniciativas que implantamos dende que comezamos esta andaina é a de expoñer nun lugar ben visible da biblioteca tódolos fondos e recursos que adquirimos relacionados co tema a investigar.

_DSC1067

Trátase dun espazo temático no que os nosos cativos teñen acceso directo aos libros, DVDs, revistas, maquetas, xogos… que lles axudarán a convertirse en verdadeiros “expertos”.

Durante o mes de outubro estiveron en exposición, pero agora xa os están a empregar, tanto nas clases como no traballo que fan na biblioteca.

O proceso de adquisición non é sinxelo, pois moitas veces os documentos que atopamos sobre a temática non se adaptan ás idades dos nosos alumnos.

A variedade de soportes e xéneros ten que estar presente, polo que nos podemos atopar cunha narrativa que ten como fío as Enerxías Sostibles, ou un manual, un xogo interactivo para ordenador…

_DSC1066 _DSC1062
_DSC1061 _DSC1065

Este ano mercamos unha maqueta de madeira dunha casa sostible, que conta con tódolos elementos dun fogar comprometido coa natureza: placas solares, separación de lixo, aproveitamento da auga da chuvia, xenerador eólico…

Tamén vimos de incorporar uns xogos científicos que pensamos que axudarán a comprender mellor a transformación das distintas enerxías (solar, eólica…) en electricidade, e outros que axudan a fomentar a reciclaxe, a depurar auga, a reutilizar…

_DSC1051

En outra entrada vos amosaremos unha nova iniciativa, que unida a esta nos axudará a comprender mellor o mundo da sostenibilidade.

Vos adianto que se trata dun recanto para recortes de prensa ao que chamamos “Noticias Sostibles”.

Lémonos,

LEO

xoves, 2 de febreiro de 2012

FORMACIÓN DE USUARIOS… PARA DOCENTES! (TERCEIRA SESIÓN)

Volvín a reunirme cos mestres do cole na biblioteca!

Desta vez retomamos un tema ao que lle tiñamos moitas gañas: os itinerarios lectores.

 

Saíron grandes ideas e sobre todo moitas gañas de ler!

Lémonos. LEO

domingo, 22 de xaneiro de 2012

VISITAMOS A BIBLIOTECA DO CEIP de MALLÓN (NIGRÁN)

O pasado martes, os profes coordinadores da nosa Biblioteca foron visitar aos compañeiros do CEIP de Mallón, en Nigrán.

Durante unhas 3 horas lles estiveron relatando as experiencias educativas desenvolvidas no CEIP A LAMA, nos últimos 3 anos e medio, no ámbito da Biblioteca Escolar: o seu proceso transformador, como se xestou o proxecto, dificultades atopadas, formación recibida, actuacións levadas a cabo…

_DSC3848

Dinme que lles agradeza da súa parte a acollida, e que aproveite para darlles moito ánimo, que xa teñen moito camiño feito. Este ano hai que ir a polo PLAMBE, claro que si!

_DSC3850 _DSC3852_DSC3851

Unha aperta moi agarimosa para eles…

Lémonos,

LEO