Amosando publicacións coa etiqueta PDI_2024. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta PDI_2024. Amosar todas as publicacións

xoves, 1 de agosto de 2024

MISION SALVAMENTO

Unha das actividades desenvolvidas polo alumnado de Educación Infantil durante o seu PDI foi a creación dunha curta de animación a partir da adaptación do álbum ilustrado "Misión Salvamento", de Cristina Oleby e Mariona Tolosa.

Non vos perdades esta estelar actuación na que os máis pequenos métense no papel duns insectos moi osados e organizados que teñen un importante encargo.

mércores, 31 de xullo de 2024

PANEIS INFORMATIVOS PDI

Uns dos produtos elaborados durante o proxecto documental integrado son os paneis informativo que recollen a principal información recollida durante a fase de procura e tratamento da información. Traemos hoxe o "despiece" do material elaborado por 2º ciclo.

Non esquezas clicar na imaxe para poder ver todas as fotografías deste fantástico traballo. Especial atención ás imaxes tomadas coa técnica da cianotipia, que recollen con moita sutileza as siluetas das distintas prantas traballadas.

O tamaño de cada panel é de 200x120cm, o que nos permite unha gran superficie de traballo e exposición do materiais sobre un soporte moi ecolóxico e sustentable.

Este primeiro panel contaba cunha ruleta xiratoria, para poder ir visualizando os distintos procesos da semente. As pezas que forman o eixo foron fabricadas coa impresora 3D da biblioteca.

venres, 26 de xullo de 2024

PDI - MATERIAIS ELABORADOS II

Seguindo cos de 2º ciclo traémosvos agora "Unha botica na horta", traballo sobre os usos medicinais das plantas. O PDI "Un espazo para preservar as nosas especies" dá para moito.

Aquí vos deixamos en PDF o dosier elaborado. Nome en galego, nome científico, descrición, curiosidades...

Descargar PDF -

Todas estas plantas foron gravadas fotograficamente coa técnica da cianotipia no  obradoiro de Biblioteca Creativa con Aloutte Machine.

mércores, 24 de xullo de 2024

VIXIANTES DO SOLO

Unha das iniciativas que levamos adiante no PDI deste curso foi a de sumarnos a Vigilantes del Suelo, un proxecto de ciencia ciudadana de Fundación Ibercivis e CITA (Centro de Investigación y Tecnología Agroalimentaria de Aragón).

Clicando na imaxe poderás ver aos nosos mozos e mozas de 5º e 6º tomando mostras na veiga de "Lela" (a nosa cociñeira de toda a vida). Por certo, din que os resultados amosan unha calidade fantástica.

luns, 22 de xullo de 2024

O ESQUÍO TROTAMUNDOS - PDI 1º CICLO

Para animar á lectura, e de paso repasar os mamíferos que ían coñecendo durante a fase de investigación, as titoras de 1º e 2º de primaria artellaron esta historia que conta as aventuras de Milo, un esquío aventureiro que arranca a viaxar para axudar a un raposo que andaba un pouco triste.

E non contentas con escribila mandaron o libro á imprenta, e os pequenos do ciclo puideron gozar del durante a Hora de Ler. Contan que había cola para coller o conto, porque lles resultou moi entretido, e xa de paso valíalles para aprender moitas cousas sobre a familia dos raposos.

A ilustradora do conto foi a profe Julia González Couto, que non hai tanto tempo que estivo de prácticas con nós na Lama.

Boa iniciativa que compartimos!

domingo, 21 de xullo de 2024

PDI - MATERIAIS ELABORADOS

O alumnado de 2º ciclo realizou unha investigación documental sobre as plantas, dentro do PDI "Un espazo para preservar as nosas especies".

Aquí vos deixamos en PDF un dos dosieres elaborados.

Descargar PDF -

luns, 15 de xullo de 2024

QUE PODEMOS FACER NÓS?

Este vídeo recolle parte das tarefas desenvolvidas polo alumnado de Educación Infantil durante o proceso de investigación do PDI_2014.

Os pequenos de infantil investigaron arredor das abellas, e a súa vital importancia para outras tantas especies.

domingo, 14 de xullo de 2024

OBRADOIRO DE CIANOTIPIA - ALOUETTE MACHINE

Dentro do programa Biblioteca Creativa tivemos o pracer de contar coa Imprenta Ambulante de Alouette Machine, do vecino concello de Cerdedo-Cotobade.

Puidemos aproveitar o obradoiro para a realización dunhas extraordinarias impresións coa técnica da cianotipia. Non vos perdades a explicación neste vídeo creado polos de 2º ciclo.

sábado, 13 de xullo de 2024

EN BUSCA DOS MAMÍFEROS DAS CONTORNA

Hoxe traemos este vídeo dos nenos e nenas de 1º ciclo, no que os podemos ver durante o desenvolvemento do seu PDI "En busca dos mamíferos da contorna".

EN BUSCA DOS MAMIFEROS DA CONTORNA from O Recanto de Leo on Vimeo.

venres, 12 de xullo de 2024

VISITAMOS A MISIÓN BIOLÓXICA DE GALICIA - CSIC

Unha das saídas que realizamos para procurar información foi a da Misión Biolóxica de Galicia, en Pontevedra. Esta institución dependente do CSIC conta cun impresionante reservorio de sementes de distintas especies de cultivo. Coa visita puidemos comprender a importancia da biodiversidade e o labor da ciencia na conservación da natureza.

Temos que agradecer á Misión Biolóxica as imaxes que nos prestaron para a creación deste vídeo

mércores, 19 de xuño de 2024

A LAMA SPRING SHOW - COMO FOI?

Velaí van unhas instantaneas tomadas durante as presentacións dos PDIs dente ano. Uns traballos cun nexo de unión entre todos eles: Proxecto Voz Natura

Minúsculas e imprescindibles: As Abellas, Unha ollada baixo as botas, En busca dos mamíferos da contorna e Plantas para a vida; estes son os títulos de cada unha das concrecións que fixemos sobre o tema principal: Un espazo para preservar as nosas especies.
(Fai clic na imaxe para poder ver unhas poucas máis)

mércores, 12 de xuño de 2024

II FEIRA DE EXHIBICIÓN - A LAMA SPRING SHOW


O vindeiro 17 de xuño celebrarase a 2ª edición da Feira de Exhibición dos PDIs deste curso 2023/2024.

Será unha xornada festiva na que o alumnado irá pasando polo escenario do salón de actos/comedor por ciclos, xa que como ben sabedes as fachadas da Biblioteca están en obras e aínda que nos gustaría non o podemos celebrar nese espazo.

Convidámosvos a pasar pola escola coa liberdade de asistir ás presentacións que queirades.

Procuraremos ser precisos nos horarios das presentacións, pero sede conscientes de que os materiais que prepararon son moitos e moi variados, e precisaremos un tempo de preparación entre cada unha delas.

venres, 19 de abril de 2024

RADIO NA BIBLIO CON... GABRIEL PAZ OTERO!

O 17 de abril tivemos a primeira das xornadas dos obradoiros de Radio na Biblio, a cargo de Gabriel Paz Otero.

Gabi é técnico profesional de imaxe e o son, especialista en creación audiovisual, con experiencia na producción técnica de programas de radio.

Durante dous días consecutivos desenvolveu uns obradoiros para o alumnado de 5º e 6º que quedaron encantados coa experiencia, e máis adiante puideron aproveitar o aprendido na gravación e edición de audios para as distintas áreas co seu portátil de Edixgal.
(Fai clic na imaxe para poder ver unhas poucas máis)

De seguro que volveremos contar con el, pois o resultado foi fantástico e conectou co alumnado formidablemente.

xoves, 2 de novembro de 2023

COMEZA O NOSO PDI

Coa homenaxe que lle fixemos días atrás a Antonio Membrives demos comezo ao noso PDI deste curso. Aquí vos deixamos o cartel de Proxecto Voz Natura para este curso 2023/2024.

O título: "Un espazo para protexer as nosas especies", Coñecemento e protección da flora e da fauna autóctonas.

mércores, 25 de outubro de 2023

AULA DA NATUREZA "ANTONIO MEMBRIVES"

O pasado 24 de outubro, aproveitando a conmemoración do Día da Biblioteca, quixemos outorgar un recoñecemento ben merecido a unha persoa moi especial para nós.

Antonio Membrives, axente medioambiental, leva traballando na concienciación dos nosos pequenos unha chea importante de anos e é un piar fundamental nas nosas investigacións documentais.

Logo de tantos anos pareceunos de xustiza que a nosa Aula da Natureza pasara a levar o seu nome.

A modo de sorpresa, pois el pensaba que viña dar unha charla, preparámolo todo para facer a inauguración e presentar a placa que deixará constancia a partir de agora.