luns, 22 de xullo de 2024

O ESQUÍO TROTAMUNDOS - PDI 1º CICLO

Para animar á lectura, e de paso repasar os mamíferos que ían coñecendo durante a fase de investigación, as titoras de 1º e 2º de primaria artellaron esta historia que conta as aventuras de Milo, un esquío aventureiro que arranca a viaxar para axudar a un raposo que andaba un pouco triste.

E non contentas con escribila mandaron o libro á imprenta, e os pequenos do ciclo puideron gozar del durante a Hora de Ler. Contan que había cola para coller o conto, porque lles resultou moi entretido, e xa de paso valíalles para aprender moitas cousas sobre a familia dos raposos.

Boa iniciativa que compartimos.

domingo, 21 de xullo de 2024

PDI - MATERIAIS ELABORADOS

O alumnado de 2º ciclo realizou unha investigación documental sobre as plantas, dentro do PDI "Un espazo para preservar as nosas especies".

Aquí vos deixamos en PDF un dos dosieres elaborados.

Descargar PDF -

luns, 15 de xullo de 2024

QUE PODEMOS FACER NÓS?

Este vídeo recolle parte das tarefas desenvolvidas polo alumnado de Educación Infantil durante o proceso de investigación do PDI_2014.

Os pequenos de infantil investigaron arredor das abellas, e a súa vital importancia para outras tantas especies.

domingo, 14 de xullo de 2024

OBRADOIRO DE CIANOTIPIA - ALOUETTE MACHINE

Dentro do programa Biblioteca Creativa tivemos o pracer de contar coa Imprenta Ambulante de Alouette Machine, do vecino concello de Cerdedo-Cotobade.

Puidemos aproveitar o obradoiro para a realización dunhas extraordinarias impresións coa técnica da cianotipia. Non vos perdades a explicación neste vídeo creado polos de 2º ciclo.

sábado, 13 de xullo de 2024

EN BUSCA DOS MAMÍFEROS DAS CONTORNA

Hoxe traemos este vídeo dos nenos e nenas de 1º ciclo, no que os podemos ver durante o desenvolvemento do seu PDI "En busca dos mamíferos da contorna".

EN BUSCA DOS MAMIFEROS DA CONTORNA from O Recanto de Leo on Vimeo.

venres, 12 de xullo de 2024

VISITAMOS A MISIÓN BIOLÓXICA DE GALICIA - CSIC

Unha das saídas que realizamos para procurar información foi a da Misión Biolóxica de Galicia, en Pontevedra. Esta institución dependente do CSIC conta cun impresionante reservorio de sementes de distintas especies de cultivo. Coa visita puidemos comprender a importancia da biodiversidade e o labor da ciencia na conservación da natureza.

Temos que agradecer á Misión Biolóxica as imaxes que nos prestaron para a creación deste vídeo

mércores, 19 de xuño de 2024

A LAMA SPRING SHOW - COMO FOI?

Velaí van unhas instantaneas tomadas durante as presentacións dos PDIs dente ano. Uns traballos cun nexo de unión entre todos eles: Proxecto Voz Natura. 

Minúsculas e imprescindibles: As Abellas, Unha ollada baixo as botas, En busca dos mamíferos da contorna e Plantas para a vida; estes son os títulos de cada unha das concrecións que fixemos sobre o tema principal: Un espazo para preservar as nosas especies.
(Fai clic na imaxe para poder ver unhas poucas máis)

mércores, 12 de xuño de 2024

II FEIRA DE EXHIBICIÓN - A LAMA SPRING SHOW


O vindeiro 17 de xuño celebrarase a 2ª edición da Feira de Exhibición dos PDIs deste curso 2023/2024.

Será unha xornada festiva na que o alumnado irá pasando polo escenario do salón de actos/comedor por ciclos, xa que como ben sabedes as fachadas da Biblioteca están en obras e aínda que nos gustaría non o podemos celebrar nese espazo.

Convidámosvos a pasar pola escola coa liberdade de asistir ás presentacións que queirades.

Procuraremos ser precisos nos horarios das presentacións, pero sede conscientes de que os materiais que prepararon son moitos e moi variados, e precisaremos un tempo de preparación entre cada unha delas.

venres, 31 de maio de 2024

VISITOUNOS... ANDREA GARCÍA

Onte tivemos o pracer de contar entre nós coa escritora Andrea García, autora de "Animais Fantásticos de Aldea", título escollido polo noso alumnado para o club de lectura creado este curso.

Ao finalizar a historia, e como peche do club, o xoves 30 de maio puidemos contar coa visita de Andrea para realizar un pequeno encontro co alumnado.

Nun ambiente privilexiado, puideron coñecela e escoitar de primeira man como foi o proceso de creación da historia, tanto a parte literaria como a parte máis artística. Ademais, agasallounos cun pequeno obradoiro de debuxo no que nos ensinou a debuxar algunhas das personaxes que podemos atopar ao longo da historia. E incluso dedicou un anaco de tempo a firmarnos os exemplares con dedicatorias incluídas.

venres, 24 de maio de 2024

POLO CORREO DO VENTO - LUÍSA VILLALTA

O 22 de maio puidemos gozar coa presenza, un ano máis, de "Polo Correo do Vento". Esta vez tocaba falar de Luísa Villalta, autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024.

A actividade chegou da man da Deputación de Pontevedra, a través da solicitude que fixo o Concello da Lama.
(Fai clic na imaxe para poder ver unhas poucas máis)

luns, 6 de maio de 2024

II CONGRESO NACIONAL ESCOLA RURAL

O CEIP A Lama foi un dos centros galegos convidados á feira de centros do II Congreso Nacional de Escola Rural celebrado en Ribadavia o pasado 3 de maio. 

Para o noso stand levamos unha ampla mostra de materiais elaborados ao longo dos anos durante o desenvolvemento dos nosos PDIs, así como creacións audiovisuais en Stop Motion.
(Fai clic na imaxe para poder ver unhas poucas máis)

sábado, 27 de abril de 2024

"LETRAS NA PRAZA" - COMO FOI?

O 24 de abril tivo lugar na alameda da Lama o 1º Encontro "Letras na Praza", cunha participación extraordinaria.

Foron 240 alumnos dos colexios da Lama, Carballedo e Fornelos de Montes, xunto coas familias, veciños e autoridades que tamén se sumaron.
(Fai clic na imaxe para poder ver unhas pouca máis)

Os ecos da actividade foron moi positivos e todos os participantes se amosaron entusiasmados co resultado.

Na alameda instaláronse unha serie de estacións polas que todos se podían mover libremente, nun entorno moi seguro grazas á implicación das familias e Protección Civil.

A ANPA da escola da Lama fixo posible que puideramos contar coa actuación de César Freiría (Cé, Orquetra Pantasma).

Tamén participou no evento Nieves Loperena, coa Furgolibro da Tía Ni.

O Colexio Plurilingüe de Carballedo xa se postulou para tomar o relevo e ser os anfitrións na vindeira edición.