xoves, 29 de outubro de 2015

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

Ola moz@s!

Xa facía tempo que non vos escribía. A verdade é con este ano con tantos cambios non dabamos sacado tempo para vos contar o que se coce por aquí.

Pero agora si!!! Para conmemorar o Día das Bibliotecas Escolares arrancamos con forza. Velaí vai un vídeo que fixeron os voluntarios deste ano.

QUE É UNHA BIBLIOTECA PARA TI 2015 from CEIP A LAMA on Vimeo.

Un saudiño, lémonos,
LEO

luns, 8 de xuño de 2015

GALA OLLOBOI 2015

Como xa vos dixeramos nunha entrada anterior, durante a gala de entrega dos premios Olloboi 2015 puidemos facer un amplo reportaxe. Velaí vai unha selección.

_DSC7452 _DSC7437
_DSC7458 _DSC7447
_DSC7417 _DSC7519
_DSC7402 _DSC7512

No seguinte enlace podes acceder á lista dos premiados: www.olloboi.com

Parabéns a todos polo esforzo, lémonos,
LEO

domingo, 7 de xuño de 2015

HORTOCONSELLO 2

Hoxe vos deixamos a segunda entrega dos Hortoconsellos, produción do alumnado de 3º ciclo, xunto coas mestras Ana Isabel Loureiro e Raquel Sánchez.

Agardamos que vos guste, lémonos,
LEO

luns, 1 de xuño de 2015

PREMIOS OLLOBOI 2015

Esta vez non houbo sorte, pero quedámonos co regusto dunha gala impresionante e divertida.

olloboi_diplo

Eiquí vos queda o diploma que nos acredita como finalistas nas categorías Animado e Zamburrioi.

Moitas grazas á asociación Marearte polo traballo. Parabéns aos premiados.

Lémonos, LEO


PD: Xa nos gustaría facer una entrada más xeitosa, e temos moitas fotos da gala, pero andamos a esperar a que os de Microsoft se poñan de acordo cos de Blogger. Andan á greña e non podemos publicar dende o Writer!

venres, 29 de maio de 2015

NOMINACIÓNS PREMIOS OLLOBOI 2015

Este sábado 30 de maio entréganse os premios do Festival Audiovisual Galego “Olloboi 2015”, na gala que conducirán os actores: Federico Pérez e Xosé A. Touriñán, e coa colaboración musical do alumnado do CPI de Dodro.
 
olloboi_promo
 
O CEIP “A LAMA” está nominado en dúas categorías pola curta de animación “Ranilda”.
 
olloboi_animado
olloboi_animado
Olloboi Animado: Animacións, Stop Motion, Time Lapse, etc. Olloboi Zamburrioi: premio especial concedido pola Asociación Marearte.

 
 A ver si hai sorte!!! Parabéns aos demais nominados.

Daremos conta do desenlace na noitiña do sábado. Lémonos,
LEO


xoves, 21 de maio de 2015

CHEGAN OS SUPERPODERES DOS ALIMENTOS!!!

Durante a fase de procura e tratamento da información, o alumnado de Educación Infantil elaborou unha curta de animación en Stop Motion na que eles mesmos interpretaban ás personaxes creadas.

Investigando entre as verduras, legumes e froitas, e agrupándoas por cores, descubriron a antocianina, o betacaroteno, a alicina, o licopeno e a luteína.

OS SUPERPODERES DOS ALIMENTOS from Leo de A Lama on Vimeo.

As mestras Cristina Campos e Tania Rivas, xunto co mestre Rafa Sánchez-Agustino, firman esta creación audiovisual.

Agardamos que vos guste, lémonos,
LEO

mércores, 20 de maio de 2015

TERCEIRA ENTREGA DAS PRESENTACIÓNS DO PDI

Desta volta o alumnado de 2º ciclo de primaria presenta o vídeo que elaboraron coas mestras: Andrea Lafuente, Marta Couso, Luisa Cancelas e Mónica Fernández.

Co título “Da semente ao prato” fai un percorrido polo traballo realizado durante meses por estes rapaces no desenvolvemento do seu PDI.

DA SEMENTE AO PRATO from CEIP A LAMA on Vimeo.

Agardamos que vos guste.

Un saúdo, lémonos,
LEO

xoves, 14 de maio de 2015

SEGUINDO AS PEGADAS DE… FILGUEIRA VALVERDE

Hoxe fixemos un alto no camiño deixando aparcadas temporalmente as presentacións do PDI, para poder dedicar o día a seguir as pegadas de D. Xosé Fernando Filgueira Valverde.

_DSC0350

Como ben sabedes este ano dedícaselle o “Día das Letras Galegas”, e nós, que o tiñamos tan pretiño da Lama, non quixemos deixar pasar a oportunidade de nos achegar dun xeito especial á vida e obra de tan ilustre personalidade da cultura galega.

A xornada comezou no Museo de Pontevedra, unha de tantas iniciativas intelectuais do “Vello Profesor”, como así se lle coñece no ámbito cultural de Galicia, e ao tempo das máis importantes. Sabela Santos Filgueira, que ademais de membro do Gabinete Didáctico do museo, é neta de D. Xosé, foi a encargada de nos recibir e contarnos moitas curiosidades do seu avó.

_DSC0321 _DSC0325
_DSC7325 _DSC7331

De alí, logo de visitar a exposición “Un faro na construción de Galicia”, fixemos un roteiro por Pontevedra que nos levou a visitar a casa onde naceu e viviu toda a súa vida, a Basílica de Santa María, a Casa do Concello de Pontevedra, as Ruínas de San Domingos e o Instituto de Pontevedra, por seren todas estas localizacións indispensables para un achegamento á figura de Filgueira Valverde.

Para rematar, puidemos escoitar a testemuña de Rafael Sánchez-Agustino, pai do noso profe Rafa, que foi alumno e profesor no instituto de Pontevedra cando o dirixía por D. Xosé Filgueira. A través de fotos, descricións e anécdotas puidemos completar un pouco mellor o perfil da súa persoa, no mesmo salón de actos que tantas, e tantas veces pisou o autor homenaxeado.

_DSC7314 _DSC0363
_DSC7337 _DSC0351

Só nos queda agradecer a Sabela, Paula e Laura do museo, e a Rafael a xornada e o cariño que lle dedicaron aos nosos cativos.

Un saúdo, lémonos,
LEO

mércores, 13 de maio de 2015

CONTINÚAN AS PRESENTACIÓNS DO PDI

Hoxe tocoulles o turno ao alumnado de 3º ciclo.

Entre outras cousas que nos amosaron está este primeiro “Hortoconsello” que vos amosamos.

HORTOCONSELLO 1 from CEIP A LAMA on Vimeo.

Producen este proxecto audiovisual as mestras Ana Loureiro e Raquel Sánchez, no que o alumnado participou, ademais de como actores, en distintos apartados técnicos (son, axudante de dirección, claqueta, cámara…).

Un saúdo, lémonos,
LEO

COMEZAN AS PRESENTACIÓNS DO PDI!!!

Despois dun tempo de intenso traballo, (e un pouco ausentes) velaí van…

As creacións audiovisuais dos nosos cativos estanse a presentar nesta última fase do PDI: “Sementa ideas, recolle futuro!”.

Esta primeira entrega titulada “Ecoclínica”, e producida polas mestras Irian Blanco e Tere Couto, quere contar os efectos beneficiosos para o noso organismo que podemos atopar en hortalizas e legumes.

ECOCLÍNICA from CEIP A LAMA on Vimeo.

Agardamos que vos guste!!!

Un saúdo, lémonos,
LEO

martes, 31 de marzo de 2015

A CANCIÓN DE MANUEL

O 2 de abril é o Día Internacional de Concienciación sobre o Autismo.

Na nosa escola tivemos este curso o pracer de coñecer ao compañeiro, Seso Durán, do IES “As Barxas” que nos estivo axudando no noso Plan de Formación coa organización e desenvolvemento de proxectos audiovisuais na escola.

Seso e Olga (a súa muller) son pais de Manuel, un neno de 6 anos que ten autismo.

Da súa man ven este vídeo que vos presentamos. Emocionan as imaxes, emociona a música e emocionan as verbas...

Para máis información:

Alto alto como una montaña: https://www.facebook.com/AltoAltoComoUnaMontana?fref=ts

Saúdos, lémonos,
LEO

PD: Seso! Un pracer e unha sorte enorme toparnos contigo. Bicos a Manuel e a Olga.

xoves, 26 de marzo de 2015

SUPER PEPO E CLEMENTINA

Velaí vai unha segunda entrega do noso súper heroe favorito.

Super Pepo e Clementina from CEIP A LAMA on Vimeo.

Chega da man de María Luisa, delegada en Pontevedra da ONG “Mans Unidas”, coa que colaboramos este ano polo “Día Escolar pola non Violencia e a Paz”, e que está desenvolvendo un proxecto en Uganda para axudar a mellorar a economía familiar implantando a agricultura sostible.

Este segundo encontro tamén lles trouxo aos nosos cativos unha sorpresa moi especial. Os diplomas que lles foron outorgados pola súa colaboración: “A capa verde de Súper Pepo”.

Un saudiño, lémonos,
LEO

martes, 10 de marzo de 2015

8 DE MARZO - DÍA DA MULLER TRABALLADORA

_DSC6447

Este ano, para conmemorar o Día da Muller Traballadora tivemos un encontro moi especial con Gloria e Sara, dúas mulleres que se dedican: unha á agricultura ecolóxica e a outra á cociña, para a que emprega fundamentalmente alimentos orgánicos.

O noso primeiro obxectivo era coñecer algunha muller que traballara en algo relacionado co noso proxecto.

A tarde estivo chea de preguntas e curiosidades, que elas se foron encargando de desvelar pouco a pouco.

Resultou moi informativa, e especialmente relacionada coa temática do noso PDI deste curso: “Sementa ideas, recolle futuro”.

Os nosos cativos puideron aprender, entre outras cousas, cales son os requisitos para considerar unha agricultura como ecolóxica, que é un alimento transxénico, como se consigue protexer o cultivo sen o emprego de produtos químicos que á larga empobrecen a terra, que plantas axudan a outras plantas a medrar...

O eslogan que empregamos foi: “Que non che conten contos, defende os teus dereitos”.

_DSC6429

A ilustración de Sonja Wimmer é dun conto moi recomendable: “Historia dunha cucaracha”, escrita por Carmen Gil.

PRINCIPES

Quedamos moi agradecidos dun encontro tan proveitoso.

Dende aquí un saúdo para elas, lémonos,
LEO

mércores, 4 de marzo de 2015

PRESENTACIÓN DO CARTAZ TESOUROS BIOLÓXICOS DO RÍO GAFOS II

Onte foi presentado na nosa biblioteca o cartaz "Tesouros Biolóxicos do Río Gafos II", elaborado pola Asociación Vai Polo Río de Pontevedra.

A edición foi posible grazas á colaboración da comunidade educativa da Lama, que lles fixo entrega dos cartos recadados no IV Rastro Solidario que con motivo do Día Escolar da non violencia e da Paz organizáramos o 30 de xaneiro de 2014.

Esta segunda edición do cartaz ve a luz logo dun ano de traballo, e conta cunha nova selección de especies vexetais e animais que se poden atopar no Río Gafos dende o seu nacemento ata a desembocadura na ría de Pontevedra.

Os encargados da súa presentación foron os membros da asociación Gonzalo Sancho, Amancio Castro e Pablo Carro, que durante unha hora foron explicando a importancia biolóxica de cada unha das especies escollidas nesta ocasión. Durante o acto tamén puidemos contar coa presenza de Daniel Vidal, da Asociación Cultural Río Barbeira da Lama.

O Proxecto "Ríos e Praias en Boas Mans" de Voz Natura, foi o marco no que o alumnado do centro realizou unha investigación sobre o coidado destes ecosistemas e a colaboración con "Vai polo río" e a "Asociación Río Barbeira" de A Lama o xeito de pór na práctica esas aprendizaxes adquiridas.

Imprimir
_DSC6384 _DSC6419
_DSC6399 _DSC6404

Queremos agradecer a disponibilidade dos nosos convidados e a ilusión con que tomaron o proxecto e a nosa colaboración.

Un saúdo, lémonos,
LEO