xoves, 24 de abril de 2025

O CLUB DE LECTURA VIAXA A ALLARIZ

O pasado 22 de abril, víspera do Día do Libro, os membros do club de lectura desprazáronse á vila ourensá de Allariz para visitar "Aira Editorial" e a libraría "Aira das Letras", enbarcada no mesmo proxecto. Aquí vos deixamos unhas instantáneas que dan testemuña do roteiro. Os rapaces quedaron encantados e foi unha experiencia única para moitos deles.

venres, 11 de abril de 2025

II ENCONTRO "LETRAS NA PRAZA"

O vindeiro 23 de abril celebrarase o II Encontro "Letras na Praza", que nesta ocasión reunirá aos colexios: CEIP de Carballedo (que actúa como anfitrión), CEIP A Lama, CEIP Doutor Suárez, CEIP de Tenorio e CEIP San Xoan Bautista.

Trátase da segunda edición dunha actividade que pretende festexar o Día do Libro tecendo redes entre os centros da zona. Letras na Praza naceu o curso pasado na Lama e, como foi pretensión dende o seu inicio, adquire o carácter de itinerante, para achegar a lectura a todos os concellos e vilas da comarca.


martes, 4 de marzo de 2025

CLUB DE LECTURA - O DESTINO DE KAMEKO



Xa está con nós o segundo título do Club de Lectura deste ano: O destino de Kameko. Nesta ocasión lles demos a oportunidade de escoller o xénero literario e a nosa proposta de banda deseñada foi este título ilustrado por Jorge Campos e que tamén acredita Abel Alvés.

mércores, 4 de decembro de 2024

PANTALLAS AMIGAS - A VIOLENCIA DE XÉNERO NO ENTORNO DIXITAL

Hai uns días tivemos a gran oportunidade de contar entre nós coa presenza da Asociación Pantallas Amigas.

Coma en anteriores anos, trátase dunha colaboración dos servizos municipais de información á muller (CIM) que persigue sensibilizar ao alumnado na loita contra a Violencia de Xénero.

Levabamos bastante tempo moi interesados en poder desenvolver este obradoiro co alumnado de 5º e 6º curso que tan próximos están ao paso ao instituto e que comezan a ter os seus dispositivos móbiles.

Non hai mellor prevención que a educación e a sensibilización, nesta ocasión unida a unha mellora das competencias dixitais do alumnado.

xoves, 28 de novembro de 2024

HEROES E HEROAS

Hoxe puidemos gozar na biblioteca dunha actividade en prol da igualdade, tamén incluída no programa +Escénicas da Deputación de Pontevedra. A actriz Manuela Varela fai promoción da igualdade entre as persoas a través da dramatización de dous contos.
Esta actividade volve a ser unha colaboración entre o CEIP A Lama e a Axencia Municipal de Lectura.

venres, 22 de novembro de 2024

GREENPEACE NA NOSA BIBLIOTECA

O PDI xa botou a andar hai semanas, e os de infantil non perden o tempo.

Como a súa investigación vai do mar: "A Oceanografía", o xoves mantiveron un encontro moi especial cunhas representantes de Greenpeace que lles achegaron todas as problemáticas que se asoman aos nosos mares e océanos e cal é a pegada que o ser humano está deixando nos ecosistemas mariños.

(Clica na imaxe se queres ver outras)

Quedaron moi sensibilizados e xa teñen moitos datos para seguir coa súa investigación.

sábado, 26 de outubro de 2024

24 DE OUTUBRO - DÍA DA BIBLIOTECA

O pasado 24 de outubro tivemos a sorte de poder compartir un rato máis que agradable con Paco Cerdeira "Pakolas", que fixo as delicias de pequenos e maiores nun concerto inesquecible.

Aproveitando que o noso alumnado de 1º ciclo está a desenvolver un PDI sobre a Ciencia e o Espazo, pedímoslle que nos presentara o espectáculo de "A Ramona pequena vai á lúa".

Ademais, estivo acompañada pola ilustradora Laura Romero, que ambientou plasticamente as cancións e contos de Pakolas.

(Clica na imaxe se queres ver outras)

Esta actuación foi posible grazas á colaboración da Axencia Municipal de Lectura da Lama que a incluíu no seu proxecto "O Galego en-Canta na Lama!"

mércores, 23 de outubro de 2024

MÁIS SAAAABOR!

Grazas ao programa +Escénicas, da Deputación de Pontevedra, e en colaboración coa Axencia Municipal de Lectura puidemos achegar o teatro aos nosos pequenos. Menudo luxo a obra "Máis saaaabor!": música, interpretación, show cooking...


(Clica na imaxe se queres ver outras)

No curso no que o lema é "Biblioteca Escolar, a escena", o CEIP A Lama compensa as desigualdades do mundo rural co único escenario que existe en todo o Concello.


luns, 21 de outubro de 2024

QUERES UN CONTO?

O 15 de outubro a biblioteca do cole da Lama converteuse nun plató de televisión para gravar uns capítulos do programa da TVG "Queres un conto?". Grazas a Quique e Carlos (Polo Correo do Vento) por achegar esta oportunidade á nosa escola.
   
(Clica na imaxe se queres ver outras)

No seguinte enlace tes acceso a tódolos capítulos que xa están subidos na Web do Xabarín Club:

luns, 7 de outubro de 2024

ARRANCA O CLUB DE LECTURA 24/25

Arranca o club de lectura co alumnado 6º de primaria que decidiu apuntarse este curso. 10 alumnos de 14 semella unha boa porcentaxe. Xa iremos contando como se vai desenvolvendo. Coma sempre, se queres ver algunha instantánea máis, clica na foto.