domingo, 25 de febreiro de 2024

ITINERARIO MATEMÁTICO

No día de onte tivemos a grandísima sorte de poder participar nunha actividade de formación con Rosana Pazos e Víctor Lorán, @matefactoría.

Un luxo poder coñecer, nun encontro de mañá e tarde, a súa grandísima experiencia no ámbito do ensino das matemáticas.

Esta formación está enmarcada dentro do noso Plan de Formación Permanente do Profesorado. Con ela pretendemos facer unha profunda reflexión sobre o modelo a seguir para o ensino das matemáticas e poder elaborar un itinerario que teña en conta todo o proceso evolutivo do alumnado, dende 4º de educación infantil ate 6º de primaria.

Queremos facer especial mención ao claustro e profesorado convidado, polo seu compromiso e vocación docente, sacrificando o seu tempo persoal nunha maratoniana xornada de sábado.

Agardamos que os froitos destas xornadas de formación se poidan ir visualizando pronto, e que o vindeiro curso xa poidamos aplicar un plan ben secuenciado en tódolos niveis educativos da nosa escola.

xoves, 21 de decembro de 2023

CONCERTO DE MAGÍN BLANCO

Onte tivemos a sorte de gozar coa actuación de Magín Blanco na biblioteca da escola. Levabamos anos querendo contar coa súa presenza e desta volta, grazas a implicación da ANPA, foi posible.
(Fai clic na imaxe para poder ver unhas pouca máis)
Os pícaros (e non tan pícaros) pasárono en grande e quedounos a todos un regusto que tardaremos moito tempo en esquecer.

xoves, 2 de novembro de 2023

COMEZA O NOSO PDI

Coa homenaxe que lle fixemos días atrás a Antonio Membrives demos comezo ao noso PDI deste curso. Aquí vos deixamos o cartel de Proxecto Voz Natura para este curso 2023/2024.

O título: "Un espazo para protexer as nosas especies", Coñecemento e protección da flora e da fauna autóctonas.

mércores, 25 de outubro de 2023

AULA DA NATUREZA "ANTONIO MEMBRIVES"

O pasado 24 de outubro, aproveitando a conmemoración do Día da Biblioteca, quixemos outorgar un recoñecemento ben merecido a unha persoa moi especial para nós.

Antonio Membrives, axente medioambiental, leva traballando na concienciación dos nosos pequenos unha chea importante de anos e é un piar fundamental nas nosas investigacións documentais.

Logo de tantos anos pareceunos de xustiza que a nosa Aula da Natureza pasara a levar o seu nome.

A modo de sorpresa, pois el pensaba que viña dar unha charla, preparámolo todo para facer a inauguración e presentar a placa que deixará constancia a partir de agora.

sábado, 15 de xullo de 2023

sábado, 1 de xullo de 2023

A LAMA SPRING SHOW - I FEIRA DE EXHIBICIÓN

O 12 de xuño celebrouse na escola a I Feira de Exhibición do traballo de Alfabetización Mediática e Informacional desenvolvido durante o curso.

"A Lama Spring Show", fixo as delicias de pequenos e maiores... pensándoo ben, máis de maiores; que se puxeron as botas no show cooking "Sabores do Mundo" preparado polo alumnado de 2º ciclo.

"Da horta ao prato" foi a presentación do PDI do alumnado de Educación Infantil e desenvolveuse na sala central da Biblioteca.

Os de 3º ciclo prepararon unha demostración de tódolos recursos da nosa Biblioteca Creativa e Radio na Biblio, ademais do programa Edixgal e recursos de Polos Creativos. Esta parte desenvolveuse nos Laboratorios da Comunicación, Creativo e de Radio da Biblioteca.

E os de 1º ciclo fixeron a súa presentación do PDI "Entre Costuras", no escenario do Salón de Actos. Todo un repaso pola historia da moda e a súa pegada no medio ambiente.

Tamén tivemos unha gran sorpresa: visitounos "A Vella Lulula", un pouco máis maiorciña, pois xa pasaron máis de 10 anos dende a súa gravación.