venres, 23 de febreiro de 2018

CLASSDOJO NA BIBLIOTECA!

_DSC5279

A figura do voluntario amósase imprescindible no día a día da nosa biblioteca.

O alumnado de 5º e 6º que se quere comprometer co “Recanto” fórmase para este cometido, poñéndose ao seu servizo.

Axudan a mantela en orde, na procura de documentos a outros usuarios, no empréstito e na devolución, no coidado dos espazos, na animación á lectura, achegamento dos novos recursos como a robótica...

Desenvolven unha función de incalculable valor, xa que sen eles non sería posible facer moitas das cousas das que gozan tódolos usuarios da escola.

Por estes motivos, sempre quixemos premiar o seu esforzo e dende hai tempo apuntabamos a súa asistencia, implicación... para logo ter pequenas recompensas polo seu traballo: ser os primeiros en usar os libros electrónicos, coñecer a escritores e ilustradores, saídas especiais ou pequenos agasallos sorpresa!

Este ano o sistema que empregamos para controlar a súa asistencia é novidoso e está a dar moi bos resultados. Trátase dunha aplicación gratuíta chamada ClassDojo. Nela o alumnado pode compartir experiencias, creamos unha cultura positiva, damos voz aos membros... e mesmo creamos o noso “avatar” personalizado.

_DSC5294

Entre todos definimos que queríamos valorar positivamente: “axudar a outros usuarios”, “asistencia a formación de voluntarios”, “aportar unha gran idea”, “moi boa actitude”, “traballar duro aínda que non toque e traballar en equipo”. Tamén rexistramos cando necesitamos mellorar en algún aspecto como: “hoxe esqueciches o teu compromiso” ou “a túa actitude ten que mellorar”.

Temos outras ferramentas que nos achega ClassDojo ás que lle sacamos moito proveito como: o armador de grupos, temporizador de tarefas, creación de espazos de debate...

_DSC5286_DSC5282

Un recurso moi atractivo e completo no que os nosos alumnos se autoevalúan e motivan nas súas funcións como Voluntarios!

Grazas rapaces polo voso esforzo.

Lémonos,
LEO

xoves, 15 de febreiro de 2018

RADIO NA BIBLIO – PRIMEIROS PASOS

Aquí vos deixamos o primeiro vídeo do desenvolvemento do proxecto Radio na Biblio.

RADIO NA BIBLIO from Leo de A Lama on Vimeo.

Trátase da presentación dos materiais técnicos, a súa montaxe e primeiras probas.

Un saúdo, lémonos,
LEO