venres, 13 de decembro de 2013

PDI “RÍOS E PRAIAS EN BOAS MANS”– Visitamos as dunas de Corrubedo

Dentro das saídas programadas no Proxecto Documental deste ano xurdiu a oportunidade de visitar co alumnado de 2º e 3º ciclo o Complexo Dunar de Corrubedo, e as Lagoas de Vixán e Carregal. Alba de 6º déixanos esta crónica para “O Recanto de Leo”.

“O día 14 de novembro, xoves, algúns profes e os cursos 3º,4º,5º e 6º fomos de excursión ao Complexo Dunar de Corrubedo e ás Lagoas de Vixán e Carregal.

Saímos do cole ás 9.00 da mañá e chegamos ao Parque Natural de Corrubedo ás 11.00 aproximadamente. Alí, un guía, contounos moitas curiosidades: como se forman as dunas, que paxaros habitan nelas… e mentres nos explicaba, ensinaba as fotos nunha pantalla na que tamén nos puxo un vídeo.

clip_image002 Píllara, paxaro que habita nas dunas.

A continuación fomos dar un paseo polo Parque no que había moitos sinais como: prohibido cans, non acampar, non facer fogueiras, etc. O guía díxonos que camiñáramos con coidadiño porque podía haber ovos no chan, que os podíamos pisar porque están camuflados, e que estiveramos atentos por si viamos algún. Por desgraza non encontramos nada e non vimos paxaros porque a maioría saen de noite.

Sen saír dos sendeiros de madeira, chegamos a un alto onde había un burato enorme, paramos e o guía explicounos que antigamente había un mineral chamado golfrán que era moi caro e extraíano de alí.

Despois chegamos a unha praia que estaba moi moi sucia e contaminada, ata había un pobre golfiño morto que acabou abalado alí e moitas máis cousas que os humanos tiramos ao mar e contaminan.

Para finalizar a mañá, o guía levounos a un museo precioso no que había moitas cousas interesantes relacionadas co Parque: maquetas, aparellos de pesca, carteis informativos, cunchas, e moitas cousas máis.

Cando rematamos a visita, comemos uns bocatas e marchamos do Parque cara o miradoiro da Ra. Dende alí observamos vistas extraordinarias, víanse as Lagoas de Vixán e Carregal e toda a marisma.

Finalmente visitamos a GRAN duna móbil e un faro que rodeamos para ver mellor e admirar as vistas dende el. Sacamos moitísimas fotos e cando chegamos á casa contámoslle aos nosos pais o que fixeramos ese extraordinario e divertido día.

A DUNA MÓBIL

A duna móbil deste espazo, aberto entre as rías de Arousa e a de Muros e Noia, ,resalta polas súas dimensións. Máis dun km de lonxitude e 20 metros de altura e entre os 200 e 250 metros de ancho, aínda que antigamente disque era meirande. Figura que a finais do século XIX superaba os 60 metros de altura. A duna é longa e tendida coma o lombo dun animal, derrúbase pola banda de sotavento, cara a terra, e sen vexetación que a conteña, avanza pola chaira a unha velocidade de dous ou tres cm. cada ano.

LAGOAS DE VIXÁN E CARREGAL

Vixán, a lagoa doce, aliméntase das augas do modesto regato Muíño, suxeito a oscilacións de caudal estacionais. Carregal, a lagoa salobre, comunícase co Océano dividíndoa en dous: a longa praia fronte aos cons denominados Pedras da Ferreira. É esta canle do mar pola que circulan as mareas un dos puntos centrais do Complexo de Corrubedo.

Alba Amoedo Cal

A súa compañeira Vanessa Reis Courtine deseñou este cartaz que vos presentamos, para concienciar á xente de que non se pode deixar todo ciscado.

CARTEL_6º_DUNAS

Tamén podedes ver na seguinte galería de imaxes unha mostra de todo o que puideron vivenciar.

(Grazas a tódolos autores polas fotos!)

Un saudiño, lémonos,

LEO

Ningún comentario :