venres, 20 de decembro de 2013

O LABORATORIO DA COMUNICACIÓN EN EDUGA

A Revista Galega do Ensino, EDUGA, que edita a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ven de publicar o número 66, no que entre outros, podedes atopar un artigo sobre o noso “Laboratorio da Comunicación”.
eduga
Agardamos que vos pareza interesante. Trátase de compartir a nosa experiencia educativa neste ámbito, e presentar este novo proxecto do Equipo de Biblioteca que xa está comezando a rodar.
Un saúdo! Lémonos,
LEO

venres, 13 de decembro de 2013

PDI “RÍOS E PRAIAS EN BOAS MANS”– Visitamos as dunas de Corrubedo

Dentro das saídas programadas no Proxecto Documental deste ano xurdiu a oportunidade de visitar co alumnado de 2º e 3º ciclo o Complexo Dunar de Corrubedo, e as Lagoas de Vixán e Carregal. Alba de 6º déixanos esta crónica para “O Recanto de Leo”.

“O día 14 de novembro, xoves, algúns profes e os cursos 3º,4º,5º e 6º fomos de excursión ao Complexo Dunar de Corrubedo e ás Lagoas de Vixán e Carregal.

Saímos do cole ás 9.00 da mañá e chegamos ao Parque Natural de Corrubedo ás 11.00 aproximadamente. Alí, un guía, contounos moitas curiosidades: como se forman as dunas, que paxaros habitan nelas… e mentres nos explicaba, ensinaba as fotos nunha pantalla na que tamén nos puxo un vídeo.

clip_image002 Píllara, paxaro que habita nas dunas.

A continuación fomos dar un paseo polo Parque no que había moitos sinais como: prohibido cans, non acampar, non facer fogueiras, etc. O guía díxonos que camiñáramos con coidadiño porque podía haber ovos no chan, que os podíamos pisar porque están camuflados, e que estiveramos atentos por si viamos algún. Por desgraza non encontramos nada e non vimos paxaros porque a maioría saen de noite.

Sen saír dos sendeiros de madeira, chegamos a un alto onde había un burato enorme, paramos e o guía explicounos que antigamente había un mineral chamado golfrán que era moi caro e extraíano de alí.

Despois chegamos a unha praia que estaba moi moi sucia e contaminada, ata había un pobre golfiño morto que acabou abalado alí e moitas máis cousas que os humanos tiramos ao mar e contaminan.

Para finalizar a mañá, o guía levounos a un museo precioso no que había moitas cousas interesantes relacionadas co Parque: maquetas, aparellos de pesca, carteis informativos, cunchas, e moitas cousas máis.

Cando rematamos a visita, comemos uns bocatas e marchamos do Parque cara o miradoiro da Ra. Dende alí observamos vistas extraordinarias, víanse as Lagoas de Vixán e Carregal e toda a marisma.

Finalmente visitamos a GRAN duna móbil e un faro que rodeamos para ver mellor e admirar as vistas dende el. Sacamos moitísimas fotos e cando chegamos á casa contámoslle aos nosos pais o que fixeramos ese extraordinario e divertido día.

A DUNA MÓBIL

A duna móbil deste espazo, aberto entre as rías de Arousa e a de Muros e Noia, ,resalta polas súas dimensións. Máis dun km de lonxitude e 20 metros de altura e entre os 200 e 250 metros de ancho, aínda que antigamente disque era meirande. Figura que a finais do século XIX superaba os 60 metros de altura. A duna é longa e tendida coma o lombo dun animal, derrúbase pola banda de sotavento, cara a terra, e sen vexetación que a conteña, avanza pola chaira a unha velocidade de dous ou tres cm. cada ano.

LAGOAS DE VIXÁN E CARREGAL

Vixán, a lagoa doce, aliméntase das augas do modesto regato Muíño, suxeito a oscilacións de caudal estacionais. Carregal, a lagoa salobre, comunícase co Océano dividíndoa en dous: a longa praia fronte aos cons denominados Pedras da Ferreira. É esta canle do mar pola que circulan as mareas un dos puntos centrais do Complexo de Corrubedo.

Alba Amoedo Cal

A súa compañeira Vanessa Reis Courtine deseñou este cartaz que vos presentamos, para concienciar á xente de que non se pode deixar todo ciscado.

CARTEL_6º_DUNAS

Tamén podedes ver na seguinte galería de imaxes unha mostra de todo o que puideron vivenciar.

(Grazas a tódolos autores polas fotos!)

Un saudiño, lémonos,

LEO

xoves, 5 de decembro de 2013

PDI: RÍOS E PRAIAS EN BOAS MANS

_DSC7363

Na fase de motivación do PDI deste ano: “Ríos e praias en boas mans”, os cativos de infantil e os rapazolos de 1º ciclo de Primaria fomos a Lourido a mariscar!

Estas mulleres do mar amosaron aos nenos as fases do seu traballo, os aparellos que empregan, as duras xornadas que teñen que facer, a subida e a baixada da marea, as medidas mínimas das capturas, a importancia do coidado da praia e do río (xa que todo vai parar alí)...

Unha xornada que temos que agradecer especialmente a Concelleira de Educación do Concello de Poio, Alicia, que nos brindou os lazos para con elas, nos axudou moitísimo na organización da saída e que tan ben se portou con nós.

Comezamos na praia, vendo ás case 400 mariscadoras (e algún mariscador) que alí estaban, e moi atentos fomos recollendo a información e experimentando coas nosas propias mans.

Apañamos marisco e... fomos á confraría a pesar e separar a nosa captura. Explicáronnos que logo hai que levalo a depuradora e á lonxa.

Ufff... canto traballo e canta información!

Moitas grazas a todas elas pola súa atención!

Lémonos. LEO.

martes, 3 de decembro de 2013

PABLO DÍAZ PRESENTA O SEU NOVO DISCO TOC TOC NO CULTURGAL

Ola rapaces! Unha nova moi fresquiña.

O pasado domingo, 1 de decembro, Pablo Díaz presentou no Culturgal (Pontevedra) o seu libro-cd TOC TOC.

_DSC7488 _DSC7515

Os nosos reporteiros puideron tomar unhas imaxes do concerto de presentación no que Pablo, acompañado pola súa banda, fixo as delicias de cativos e maiores repasando os novos temas e os do anterior álbum Tic Tac.

Ao rematar o concerto, Pablo e Olga estiveron asinando os libros, e como non, O Recanto de Leo tróuxose a súa dedicatoria.

Nesta ocasión a edición corre a cargo da editorial Galaxia e as ilustracións son de Nuria Díaz.

_DSC7502
_DSC7528 portada

E como non!!! Xa está na nosa biblioteca.

Un saúdiño, lémonos,

LEO

xoves, 28 de novembro de 2013

OUTRA DO DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES…

Ola moz@s!
Aínda que xa pasou máis dun mes, queremos repescar outras instantaneas do Día das Bibliotecas Escolares.
Como podedes ver, nas aulas traballaron moito para elaborar os seus anuncios para a actividade “Que é unha Biblioteca para ti?”. Non foron poucos os que aprobeitaron a temática do PDI “Ríos e Praias en boas mans” para se inspirar.
Un saudiño, lémonos,
LEO

martes, 19 de novembro de 2013

NÓS TAMÉN CREAMOS 2013: entrega de Premios no MUPEGA en Santiago!

Ola rapaces!

Como xa vos tiñamos informado con anterioridade, o último día do pasado curso 2012/2013 chegounos unha moi boa nova. Os alumnos de 1º de Primaria da nosa escola gañaran o II Concurso de Curtas de Animación, “Nós tamén creamos” (categoría de 1º ciclo de primaria), coa produción “A Escaleira”.

Este concurso ven sendo promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa en colaboración coa Compañía de Radio-Televisión de Galicia e con OQOeditora.

NOS_TAMEN_CREAMOS_2013_800

Os protagonistas, os actores de dobraxe, os produtores, os guionistas, os escenógrafos.... fomos aló!

_DSC0395 _DSC0401
_DSC0420 _DSC0436
_DSC0440 _DSC7334

Despois dunhas breves palabras para introducir o acto, comezou a quenda para os premiados, aos que lles queremos transmitir os nosos parabéns!

Non quixemos deixar pasar a oportunidade de achegar a nosa curta a tódolos presentes, que se viron sorprendidos polo noso “Avoíño” que con moita ledicia lla entregou ao Sr. Conselleiro, que presidía o acto.

_DSC7303

Aquí vos deixamos outras instantáneas dos centros premiados. Tendes que desculpar porque se nos esqueceu anotar a que cole corresponde cada unha, pero son os seguintes:

PREMIO PARA O ALUMNADO DO SEGUNDO CICLO DE EDUCACION INFANTIL
A escaleira, CEIP Víctor López Seoane, A Coruña

PREMIO PARA O ALUMNADO DO SEGUNDO CICLO DE EDUCACION PRIMARIA
Premio outorgado ex aequo a:
Troco, CEIP de Merza, Vila de Cruces, Pontevedra.
Ernesto Bo Día, CEIP de Leirado, Salvaterra de Miño, Pontevedra

Mencións especiais:

A noite das mudanzas, CEIP Bergantiños, Carballo, A Coruña. Pola expresividade e espontaneidade lingüística e mais pola composición estética.

Pilú Pilú, CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira, Ferrol, A Coruña. Pola adaptación musical e a orixinalidade plástica.

A escaleira, CPI Cabo da Area, Laxe, A Coruña. Pola adaptación da obra orixinal.

Ernesto Bo Día, CEE Vilagarcía de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra. Pola calidade plástica e estética.

_DSC7316 _DSC7321
_DSC7347 _DSC7291
_DSC0412 _DSC7351

Un saudiño a todos, lémonos,

LEO

domingo, 17 de novembro de 2013

DECOBIBLIO 2013

Coma tódolos anos, unha das actividades que facemos para conmemorar o Día das Bibliotecas Escolares é Decobiblio.

Cada aula renova ou actualiza a súa decoración para facer deste espazo un lugar máis atractivo e destacado na clase.

Velaí vai un vídeo cunhas fotos do que resultou este ano.

Saúdos. Lemonos,

LEO

mércores, 13 de novembro de 2013

SAMAÍN E MAGOSTO… UNHA XORNADA PARA PASALO DE MEDO!

_DSC0400

Despois de decorar o escenario os máis cativos do cole, ao longo da semana anterior..., chegara o esperado momento da festa.

_DSC0406 _DSC0407

Todo arrancou o xoves, cando os nenos comezaron a traer as súas cabazas e cestas de outono feitas en familia; aí foi cando o escenario cobrou verdadeira vida.

_DSC7029

_DSC7040 _DSC7073
_DSC7048 _DSC7071

Cada ano son máis as que chegan e cada ano son mellores, por iso costounos moitísimo decidir ao xurado, pero ao final... levaron premio a cabaza máis divertida, a cabaza máis orixinal, a cabaza máis terrorífica e a mellor cesta.

_DSC7122 _DSC7160
_DSC7100 _DSC7173
_DSC7167 _DSC7146

Coma sempre, orixinais e sen vergoña ningunha: os nosos presentadores.

_DSC7087

Aínda non deramos por rematado o día pero... iso queda para outra entradiña!

Lémonos,

LEO

venres, 25 de outubro de 2013

24 de Outubro - DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

Ola a todos!

Como ben sabedes, onte conmemoramos o Día das Bibliotecas Escolares, e hoxe tivemos un encontro no noso Recanto de Leo, para compartir as actividades que se desenvolveron nas aulas.

Unha delas: Que é unha Biblioteca para ti?, deixounos este ano esta fermosa colaboración das familias dos nenos e nenas de Infantil.

Que é unha biblioteca para ti? from CEIP A LAMA on Vimeo.

Agardamos que vos guste, lémonos,

LEO

martes, 22 de outubro de 2013

UNHA PRIMEIRA VISITA IMPORTANTE NA NOSA BIBLIOTECA!

Os novos alumnos de infantil que chegan por primeira vez ao cole tamén o fixeron á nosa Biblioteca.

Nesta ocasión Leo recibiunos da man dos nosos voluntarios que estaban ansiosos de volver a traballar e sobre todo cos máis pequenos.

_DSC6605

Prepararon todo o necesario; novos carnés, puntos de lectura, as normas dos recantos e... foron a buscar por sorpresa aos pequerrechos!

 

_DSC6603 _DSC6642

_DSC6614

Os novos usuarios non dubidaron en escoller o conto que querían levar para a casa e mesmo lle pediron aos voluntarios que compartiran con eles a Hora de Ler.

 

_DSC6641 _DSC6622

Xa fomos vendo dende aquel primeiro día que todos estiveron ben atentos e que agora non deixan de virnos visitar!

_DSC6647

E como xa din eles… Lémonos!

LEO