xoves, 22 de novembro de 2012

TROBADORES POR UN DÍA!

Non sei se vos lembrades que tempo atrás, por mor do Día das Bibliotecas Escolares, os nosos cativos convertéronse en escritores de poesías. As súas creacións xa van chegando pouco a pouco ao equipo de redacción deste blogue.

Hoxe, os nenos de 6º de Infantil serán os protagonistas, xa que se converteron en trobadores por un día. Tiñan que explicarnos “Que é unha biblioteca para ti?” e... tras a tea estaban eles recitando os seus versos!

_DSC9894

 

Que é unha biblioteca?
e do que imos a falar
así que estade ben atentos
que isto vai comezar!

O meu avó sempre dixo
que a mellor maneira de viaxar é un libro
non precisas dun avión
na biblioteca hai libros a montóns.

Dende un rato detective
ata un superheroe invencible
canto máis leo máis aprendo
e o mundo mellor entendo.

Teatro, contacontos ou exposicións
nunha biblioteca hai moita acción
só teremos que estar caladiños
cos ollos abertos e ben sentadiños.

As películas divertidas podo ver
non me quitan as ganas de ler,
que grande se ve todo
síntome coma se fose un piollo!

Para poder escoitar música
non hai que ir á discoteca
pon os cascos nas orellas
e goza na audioteca!

Os xogos do ordenador
son do mellor
pero só os podemos coller
unha vez ao mes.

Tamén hai un recanto para crear
con pinturas, papeis e moito máis,
anímate e comeza a debuxar
nun gran artista te converterás.

E se as nosas obras queres coñecer
as producións propias podes ver
colgadas en ganchos na parede
están agardando a que as admiredes.

E as mochilas viaxeiras
que grandes compañeiras
pasan connosco
unha semana enteira.

Así podemos gozar
de lecturas en familia con papá e mamá
e cando ao cole deben regresar
o caderno de bitácora poderás amosar.

E se queres estar ao día
ó Recanto de Leo vai de visita
só con prender o ordenador
terás un montón de información.

Buscade, buscade
e a ver que atopades
hai fotos a montóns
adiviñades de quen son?

E non podedes esquecer
que a columna do PDI tes que ver
chea de libros, pelis e ata xogos
nela atopamos respostas para todo.

Este curso toca estudar
enerxías sostibles e como aforrar,
parece un tema complexo
verás ao final canto aprendemos.

Alumnos de 6º de infantil

_DSC9900 _DSC9901

Non vos preocupedes que o temos todo gravado en video… pronto o veredes!

_DSC9905

Lémonos. LEO.

Ningún comentario: