xoves, 20 de febreiro de 2014

MERCADO SOLIDARIO POLO DÍA DA PAZ

DÍA DA PAZ - 2014 from CEIP A LAMA on Vimeo.

O pasado 30 de xaneiro, conmemoramos na escola a Xornada Escolar pola Paz e a Non Violencia.

Dende hai 4 anos esta data a incluímos na programación do Proxecto Documental Integrado (este ano “Ríos e Praias en Boas Mans”), do mesmo xesto que o Entroido e outras datas sinaladas.

A actividade que vedes no vídeo é un Mercado Solidario. Cada ciclo se encarga de elaborar unha serie de manualidades, que logo se expoñen no escenario ambientado para a ocasión. A recadación (desta volta foron 198 €) se lle entrega a unha ONG ou asociación que desenvolva un proxecto solidario relacionado coa temática a traballar. O primeiro ano (traballamos A Auga) os cartos foron para UNICEF, pola experiencia “Gotas de auga para Níxer”; o segundo ano (O Bosque) para a Asociación “Ridimoas” de Ribadavia que se ocupa de recuperar o bosque autóctono; o pasado curso foron (As Enerxías Sostibles) para a iniciativa “Bicis pola Paz”, que desenvolve Anxo Moure...

Para este ano pensamos na asociación pontevedresa “Vai polo río”, polo seu labor de recuperación no río dos Gafos. Como xa vos contamos en outra entrada, o propio Día da Paz recibimos a visita de Amancio, Paulo e Ramón, que nos contaron en que consistía o traballo. Coa nosa colaboración poderán editar a 2ª parte do cartaz “Tesouros Biolóxicos do Río Gafos”, e xa nos anunciaron que a presentación será na nosa escola.

Nós quedamos encantados de poder colaborar e que o noso esforzo se vexa recompensado con este agasallo.

Por outra banda, na clase de música estiveron aprendendo a canción de Pablo Díaz, “Ecoloxista”, que está publicada no seu último libro-disco TOC TOC, e que ilustra Nuria Díaz. (Tan interesante como o TIC TAC... Recomendámolo!)

Os de 5º e 6º de Primaria compuxeron dúas estrofas máis que vos deixamos aquí por se vos gustan.

“A natureza pode estar en perigo,
se non paramos a deforestación.
Mareas vivas en vez de mareas negras,
e nas escolas sensibilización.”

“Salvar paxaros e outros seres vivos,
coidar lagoas, bosques e humedais,
con boas prácticas nos ecosistemas,
flora e máis fauna poderemos salvar.

Un saúdo, lémonos,

LEO

1 comentario:

Pilar Sánchez-Agustino dixo...

Que manualidades tan chulas! Ese mercadiño fou un éxito seguro! Gustaríame estar ahí... Que ben traballa este alumnado. Parabens!