sábado, 28 de febreiro de 2015

ONTE VISITOUNOS… AMFIV

Onte recibimos no cole unha visita moi especial e interesante. Da man de Santiago Álvarez (papá de Iago, alumno de 6º ) viñeron ao cole cinco xogadores do equipo AMFIV (www.amfiv.com), un clube deportivo de Vigo que conta xa con trinta anos de historia rompendo barreiras, e dez xogando na elite deste deporte.

_DSC6258 _DSC6271
_DSC6285 _DSC6306

Viñeron a explicarlle aos nosos cativos que era o baloncesto en cadeira de rodas, as súas diferenzas e similitudes, as peculiaridades das normas, as características das cadeiras para xogar, a historia do seu clube, e a súa propia historia persoal!

Achegámonos a unha realidade que viven moitas persoas día a día e que eles nos fixeron visibles coas súas testemuñas.

_DSC6332 _DSC6324
_DSC6364 _DSC6356

Logo fomos ao pavillón onde puidemos velos en acción no campo, e onde os nenos de 2º e 3º ciclo probaron as cadeiras vivenciando a experiencia dende dentro. Fixeron carreiras, pases, pequenos partidos, mesmo encestaron... nas gradas, pequechos e mestres animaron sen parar!

Foi unha xornada que non esqueceremos, na que aprendemos moito e gozamos de tan boa compañía.

Moitas grazas a Santi por darnos a idea e grazas a Karol, Chema, Filipe, Santi e Natxo pola vosa lección.

Un saúdo, lémonos,
LEO

(Por certo, tamén valeu para que unha reivindicación que levabamos anos facendo se fixera realidade. O cole xa ten polo menos unha entrada que suprimiu as barreiras arquitéctónicas. Agora queda que lle dean o remate final e lle coloquen unha barandilla de seguridade.)

venres, 20 de febreiro de 2015

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E DA PAZ 2015

O pasado 30 de xaneiro conmemoramos na escola o Día da non Violencia e da Paz. Coma nestes últimos 5 anos organizamos un rastro solidario que pon á venta as elaboracións artesáns do noso alumnado.

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E DA PAZ 2015 from CEIP A LAMA on Vimeo.

Os beneficios obtidos destínanse a un proxecto solidario relacionado coa temática do noso PDI. Este ano escollemos colaborar con Mans Unidas, que está a desenvolver en Uganda unha iniciativa para mellorar a economía familiar implantando a agricultura sostible.

A música deste vídeo pedímoslla prestada ao cantautor madrileño Luis Guitarra, que nos deu permiso para utilizar a súa canción “Todo es de todos”. O noso agradecemento dende aquí.

Un saúdo, lémonos,
LEO

xoves, 5 de febreiro de 2015

EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA: ESPECIES EXÓTICAS INVASORAS

Un dos aspectos traballados este curso no PDI “Sementa ideas, recolle futuro” é o das especies (animais e vexetais) exóticas invasoras, que tanto dano fan aos nosos ecosistemas autóctonos.

Aproveitando que o Concello de Pontevedra organizara unhas xornadas e tiña editado uns materiais ben interesantes procedimos á solicitalos á Oficina de Medio Ambiente Natural.

especies_exoticas _DSC5614
_DSC5618
_DSC5622

A avespa asiática, o mexillón tigre, a chumbeira… son algúns dos exemplos que os nosos alumnos poden contemplar na exposición instalada nos corredores da escola.

Esta exposición inaugurámola cunha charla do axente forestal Antonio Membrives, que engadiu algún exemplo máis aos contemplados polos expertos do Concello de Pontevedra.

_DSC5619 _DSC5623

Casualmente, o tema escollido por Voz Natura para o vindeiro curso xirará arredor da protección aos ecosistemas autóctonos de Galicia.

Dende aquí o noso agradecemento ao Concello de Pontevedra polo empréstito da exposición.

Saudiños, lémonos,
LEO

luns, 2 de febreiro de 2015

SUPER PEPO

A visita da Delegada de Mans Unidas en Pontevedra polo Día da Paz, deixounos estes debuxos animados cargados de valores que encantaron aos nosos cativos: “Super Pepo e o Xardín dos Desexos”

Super Pepo e o xardín dos desexos from CEIP A LAMA on Vimeo

A ver se vos gusta tamén a vós.

Lémonos,
LEO

domingo, 1 de febreiro de 2015

MOI AGRADECIDOS…

Non temos moito máis que dicir que estamos moi agradecidos pola verbas que nos dedicou Manuel Bragado Rodríguez, director xeral de Edicións Xerais de Galicia, no seu Blog: bretemas.gal 

bretemas

Agradecidos tamén a Seso Durán, do IES “As Barxas”, por darlle a coñecer o noso traballo.

Un saúdo, lémonos,
LEO