xoves, 29 de novembro de 2012

OS VELLOS TEMPOS…

A finais do curso pasado os alumnos de 6º de primaria rodaron unha curtametraxe que titularon “Os vellos tempos”. Agora que está a piques de saír a edición impresa vola deixamos aquí para o voso deleite. Non temos máis palabras!

Xa nos contaredes!!!

Lémonos,

LEO

xoves, 22 de novembro de 2012

TROBADORES POR UN DÍA!

Non sei se vos lembrades que tempo atrás, por mor do Día das Bibliotecas Escolares, os nosos cativos convertéronse en escritores de poesías. As súas creacións xa van chegando pouco a pouco ao equipo de redacción deste blogue.

Hoxe, os nenos de 6º de Infantil serán os protagonistas, xa que se converteron en trobadores por un día. Tiñan que explicarnos “Que é unha biblioteca para ti?” e... tras a tea estaban eles recitando os seus versos!

_DSC9894

 

Que é unha biblioteca?
e do que imos a falar
así que estade ben atentos
que isto vai comezar!

O meu avó sempre dixo
que a mellor maneira de viaxar é un libro
non precisas dun avión
na biblioteca hai libros a montóns.

Dende un rato detective
ata un superheroe invencible
canto máis leo máis aprendo
e o mundo mellor entendo.

Teatro, contacontos ou exposicións
nunha biblioteca hai moita acción
só teremos que estar caladiños
cos ollos abertos e ben sentadiños.

As películas divertidas podo ver
non me quitan as ganas de ler,
que grande se ve todo
síntome coma se fose un piollo!

Para poder escoitar música
non hai que ir á discoteca
pon os cascos nas orellas
e goza na audioteca!

Os xogos do ordenador
son do mellor
pero só os podemos coller
unha vez ao mes.

Tamén hai un recanto para crear
con pinturas, papeis e moito máis,
anímate e comeza a debuxar
nun gran artista te converterás.

E se as nosas obras queres coñecer
as producións propias podes ver
colgadas en ganchos na parede
están agardando a que as admiredes.

E as mochilas viaxeiras
que grandes compañeiras
pasan connosco
unha semana enteira.

Así podemos gozar
de lecturas en familia con papá e mamá
e cando ao cole deben regresar
o caderno de bitácora poderás amosar.

E se queres estar ao día
ó Recanto de Leo vai de visita
só con prender o ordenador
terás un montón de información.

Buscade, buscade
e a ver que atopades
hai fotos a montóns
adiviñades de quen son?

E non podedes esquecer
que a columna do PDI tes que ver
chea de libros, pelis e ata xogos
nela atopamos respostas para todo.

Este curso toca estudar
enerxías sostibles e como aforrar,
parece un tema complexo
verás ao final canto aprendemos.

Alumnos de 6º de infantil

_DSC9900 _DSC9901

Non vos preocupedes que o temos todo gravado en video… pronto o veredes!

_DSC9905

Lémonos. LEO.

luns, 19 de novembro de 2012

HORA DE LER EN 1º CICLO

Continuando coa dinamización da Hora de Ler, os alumnos de 1º ciclo seguen recibindo a visita dos seus pais.

Nesta ocasión, Miguel veu contarlles un conto moi especial. O seu fillo Saidou naceu en África, nun país que se chama Burkina Faso, por iso podemos ver na cartolina o mapa que elaboraron para que nos puideramos situar.

O relato popular que nos trouxo titúlase “O Guepardo, o Mono e o Camaleón”.

_DSC1742

_DSC1747

Saidou, logo de buscar contos sobre África na nosa biblioteca, decantouse por escribir el un conto co que entreter aos seus compañeiros.

_DSC1748

_DSC1743

_DSC1751 _DSC1758

Agardamos que esta iniciativa siga tendo boa acollida entre as familias.

Un saúdo, lémonos,

LEO

mércores, 14 de novembro de 2012

ALÓ POLO 24 DE OUTUBRO… UN INVITADO MOI ESPECIAL!

Cando celebramos no cole o Día das Bibliotecas Escolares, entre outras actividades, quixemos ter unha sorpresa para cos nosos cativos.

O poeta Carlos Fontes veu pasar con nós a tarde e compartir unhas lecturas dos seus libros: Poemas con piruleta e Versos en flor.

_DSC1049

Había moitas preguntas que facerlle: “Cando comezou a escribir?”, “Por que escribe poesía e non outro xénero?”, “Cal é a súa poesía favorita?”...

Carlos, con moita paciencia, foi contestándonos a todos e entre pregunta e pregunta, líanos algunha das súas poesías ou lle líamos algunha das nosas composicións.

_DSC9915

Despois dun encontro así… as voluntarias agasallaron ao invitado cun bolígrafo, non vaia ser que non teña con que seguir escribindo!!!

As súas dedicatorias andan agora de clase en clase...

_DSC9995

dedicatoria1

dedicatoria2

“E como tiña que ser,
falando de poesía,
pasamos nós o día,
e quedamos en nos ler…”

LEO

venres, 9 de novembro de 2012

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES–QUE É UNHA BIBLIOTECA PARA TI?

Unha das actividades que preparamos para o Día das Bibliotecas Escolares foi: Que é unha biblioteca para ti?

Este ano, a través da poesía, os nosos pícaros tiveron que contarnos que entendían eles por biblioteca. Os de 3 anos deixáronnos este vídeo do seu traballo basado na canción de Pablo Díaz “O Libro”, publicada por Kalandraka no libro – disco TIC TAC.

Agardo que vos guste moito.

Lémonos,

LEO