luns, 22 de novembro de 2010

PUNTO DE INTERCAMBIO DE DOCUMENTOS

Xa tiña eu gañas de presentarvos esta actividade que andaba pola miña cabeciña dende principios de curso. Por fin teño todo preparado!

A partir de agora na biblioteca do cole atoparedes un novo recanto ao que chamaremos “Punto de Intercambio de Documentos”

_DSC4691

Para levar a cabo esta actividade é precisa a colaboración dos papás ademais dos “profes” da biblioteca. Escoitade ben:

- EN QUE CONSISTE? Tratase de intercambiar con outros nenos os documentos que xa temos usados e que queremos trocar por outros.

- QUE ENTENDEMOS POR DOCUMENTOS? Libros de consulta, libros de narrativa, poesía, teatro, cómic… música, películas, revistas, xogos…

- COMO PODO CAMBIAR DOCUMENTOS? Cando teñades un documento que queirades intercambiar, antes de nada teredes que pedirlle permiso a papá e mamá para traelo da casa. Logo vindes á biblioteca con el e o mestre encargado (despois de mirar que non estea moi derramado) váivolo cambiar por un “Vale-Leo”.

_DSC4676_DSC4679

O “Vale-Leo” ten moito valor, xa que só o terán os nenos que aporten algo ao caixón de intercambio. Ademais de ser un exclusivo marca páxinas é un vale para cambiar, se así o queren os nenos, por outro documento. Ademais non caduca nunca, polo que podedes ter o “Vale-Leo” ata que atopedes un libro que vos interese no caixón.

- VALE CALQUEIRA DOCUMENTO? Non. Teñen que estar en boas condicións. Non poden ser novos, porque xa os usastes antes de traelos, pero si que teñen que estar coidados e servir para outros nenos.

- QUE TEÑO QUE FACER PARA PODER COLLER UN DOCUMENTO DO PUNTO DE INTERCAMBIO? Só debes ter un “Vale-Leo” que conseguirás se antes deixaches algo no caixón de intercambio.

- PODO RECUPERAR OS MEUS DOCUMENTOS DESPOIS? Non. Se un libro é depositado no caixón de intercambio deixa de ser voso para ser doutra persoa que o queira. Así vós tamén poderedes coller outro libro e pasará a ser voso.

- TEÑO QUE DEVOLVER OS DOCUMENTOS QUE COLLO? Non. Os documentos que se collen do punto de intercambio non se devolven xa que pasan a ser do neno que o colla. Poderedes volvelos intercambiar máis adiante.

- COMO SEI OS DOCUMENTOS QUE HAI PARA INTERCAMBIAR? Estarán á vista de todos na biblioteca pero ademais iremos colgando no Blog as novidades que vaian chegando, só tes que buscar o logo.

_DSC4689

- CANTOS DOCUMENTOS PODO TRAER PARA INTERCAMBIAR? Podes traer cantos queiras e conseguirás un “Vale-Leo” por cada un que traias. Recorda que debes pedirlle permiso a papá e mamá antes de traelo ao cole!

- HAI UNHA DATA MÁXIMA PARA PARTICIPAR? Non, esta actividade durará todo o ano, así que podes coller ou traer un documento ao longo de todo o curso.

Eu creo que vai ser moi divertido poder intercambiar todo isto, seguro que descubrides moitas cousas novas da man dos vosos compañeiros.

Se tedes algunha dúbida acudide ao voso mestre ou pola biblioteca, seguro que vos poden axudar.

Recordade buscar o logo no noso Blog e… animádevos a participar!

Lémonos.

LEO

3 comentarios:

Anónimo dixo...

Gústame moito esta idea.Así consigues libros divertidos que deixan os demais e os demais poden ler os libros que nos deixamos no caixón!

Anónimo dixo...

Pareceme unha idea xenialpara que os nenos intercambien os libros que xa non leen e deixen disfrutar a os demais como nos tamen disfrutamos

Anónimo dixo...

Si isto do punto de intercambio parece unha moi boa idea.